O presidente de TG sinala que no seo do PPdeG hai moita inquedanza polos resultados en Lugo
A precampaña polas terras luguesas está que bota fume. Esta fin de semana, a deputada popular Susana López Abella aseguraba que Cacharro Pardo estaba a manobrar con Terra Galega para restarlle apoios ao candidato do seu partido, Xosé Manuel Barreiro. López Abella sinalaba que Cacharro tería apoiado “por detrás” as listas de Terra Galega en municipios como é o caso de Chantada ou o de Sarria.
O presidente de Terra Galega, Pablo Padín, negou rotundamente calquera tipo de alianzas con Cacharro Pardo: “É curioso que eles mesmos acusen a un senador do PP. A min xa non me estraña case nada”, comentou para Vieiros. Padín subliña que prefire non entrar en polémicas e asegura que “os populares están moi acostumados a xogar suxo”.
Para Padín, todo o que está ocorrendo responde á “inquendanza” dos populares lugueses, que ven como TG foi quen de artellar listas en 19 municipios: “Nós estamos ao noso. E se eles atacan así sera porque teñen medo que lles fagamos dano”.