Bogueiros cataláns botaron a andar unha web onde se conta o número de persoas favorábeis á “autodeterminación dos Países Cataláns”.
Captura da web www.estatpropi.cat
Segundo un dos impulsores da iniciativa, Alexis Vizcaíno, trátase de demostrar “que os independentistas non somos catro gatos”. Todo isto a través de www.estatpropi.cat, unha web que amosa en tempo real e sobre un mapa a localización de todas as persoas que votarían ‘si’ nunha consulta popular sobre a autodeterminación de Cataluña.
A páxina presenta nun mapa de ‘Google Earth’ os diferentes territorios que abarcan os Países Cataláns, termino acuñado para designar as zonas onde se fala catalán ou valenciano. A sinatura realizase mediante un formulario que se verifica a través dun correo electrónico de confirmación. Unha vez aceptada a solicitude, a web sitúa unha bandeiriña enriba da localidade do solicitante no mapa.
Aínda que os impulsores recoñecen que a campaña non pode ser fiábel ao cento por cento ante a posibilidade de que unha soa persoa introduza varios nomes, cren que é un bo xeito de amosar a densidade de independentistas tanto dentro como fóra de Cataluña.
Desde que se puxo en marcha o pasado mércores, e até a mañá do venres, foron 446 persoas as que asinaron na web en favor do hipotético ‘si’.