Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Segundo festival galego

Pontevedra convértese na capital do cabaré

Dúas semanas de espectáculos na rúa, nos locais nocturnos e no Teatro Principal máis un obradoiro para artistas.

Redacción - 11:16 26/04/2007

Do 28 de abril ao 11 de maio pasarán pola cidade de Pontevedra quince compañías, case un cento de artistas e incluso un obradoiro para os interesados en coñecer todos os segredos do espectáculo do cabaré.

A modalidade artística mestura teatro, danza, canción e comedia e adoita representarse en espazos pequenos, onde o público cea ou bebe durante as representacións. A súa carga sexual e a crítica política fan que sexa un espectáculo destinado a unha audiencia adulta.

O cabaré galego, xurdido nos últimos anos a partir do traballo de compañías como Chévere, foi artellando unha serie de accións formativas que culminaron, no ano 2006, co desenvolvemento do primeiro festival Cabaré3, que se desenvolveu en Oleiros. A súa segunda edición chega a Pontevedra, cidade cunha posición xeográfica estratéxica e preparada para acoller unha actividade deste tipo.

Programa variado
A partir do 28 de abril, o Pazo da Cultura acollerá un obradoiro de cabaré, o Teatro Principal as dúas montaxes O grande musical e Femme fatale, as rúas pontevedresas os pasarrúas cabareteiros e os locais nocturnos o circuíto de espectáculos.

O obradoiro desenvolverase do 7 ao 11 de maio, de 18 a 22 horas, e formará actores, actrices, bailaríns e bailarinas nos aspectos escénicos, coreográficos, interpretativos e mesmos históricos do mundo do cabaré. Impartirano integrantes da compañía Femme Fatale, terá un número de prazas limitado a quince persoas e o prazo de matrícula estará aberto até o 5 de maio.


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: