Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Incrementou ganancias nun 24,9% o último exercicio

Pescanova 2006: ano de incremento de beneficios e pulsos ao goberno

Malia as optimistas contas, a empresa chega á xunta xeral de accionistas coa ameaza de freo para outro macroproxecto, a piscifactoría de Mira.

Redacción - 09:00 25/04/2007
Tags: Pescanova

Se ao pechar 2005 a cifra de negocio neto de Pescanova quedara en algo máis de 999 millóns de euros, o balance de 2006 permitiulle á empresa galega brincar por riba da simbólica barreira dos mil millóns, sumando un volume de negocio de até 1.130,1 millóns de euros.

As contas que a empresa lle acaba de presentar á Comisión do Mercado de Valores amosan un beneficio despois de impostos de 22,6 millóns de euros, un incremento do 24,9% respecto ao ano anterior e dun 29% sobre o capital social da compañía. O resultado por acción sumou até 1,74 euros. A finais de 2006, o cadro de traballadores do grupo Pescanova sumaba 4.519 persoas. Este mércores e xoves, Chapela acolle a xunta xeral ordinaria para a revisión das contas do ano pasado. O Consello de Administración proxecta deseñar que nun prazo de cinco anos se aumente significativamente o capital social da empresa.

A última auditoría a Pescanova prognostica un crecemento sostido da empresa a curto prazo e outras análises como unha recente do Fortis Bank, prevén que a compañía amosa potencial e capacidade para medrar "por riba da media do sector". Os analistas da bolsa consideran que o escenario económico é significativamente favorábel para Pescanova e marcan o prezo obxectivo da empresa na meta dos 37,60 euros, desde a media de 31 euros na que se move actualmente.

Pulso ao goberno pero mensaxe de tranquilidade ao accionariado
O informe que Pescanova lles presenta aos seus accionistas confirma ademais que non renunciará ás iniciativas piscícolas proxectadas en Galiza. Alén da paralización da construción da macrofactoría acuícola da Costa da Morte, Pescanova mantén na axenda as alternativas negociadas co executivo galego para novos proxectos acuícolas, onde a Xunta financiará até o 50% dos proxectos, investimentos conxuntos de arredor de 120 millóns de euros en favor da empresa.

O xogo mediático de presión ao goberno axitara a confusión nos últimos meses, e a propia empresa tivo que enviarlle un comunicado oficial en xaneiro pasado á Comisión do Mercado de Valores onde confirmaba que seguían adiante os investimentos previstos. Con todo, Pescanova subliñaba daquela a "falta dun Plan Sectorial axeitado para habilitar espazos e desenvolver proxectos viábeis para o cultivo do rodaballo". Malia iso, as negociacións do goberno co sector seguían adiante, con relativa satisfacción do resto de empresas con proxectos acuícolas e técnicos da propia Pescanova lle deran xa a beizón ás ubicacións alternativas propostas.

Nesa liña e cara aos accionistas, o proxecto de piscifactoría en Portugal, na zona de Mira, é presentado como unha iniciativa a maiores das xa proxectadas. Con todo, a empresa chega a esta cita co requerimento marcado na axenda de refacer o estudo de impacto ambiental e presentar un novo no prazo de dúas semanas. As irregularidades da proposta, proxectada precipitadamente e presentada aos medios como presunto desvío dos investimentos previstos en Galiza, amosan agora problemas que segundo o ministerio portugués de Ambiente van complicar a súa aprobación.

Accionariado estábel nos últimos anos
Lembrámoslles que dos 78 millóns de euros do capital social de Pescanova SA, o seu actual presidente Manuel Fernández de Sousa-Faro suma o 24,15% do total, cun 5% para Afonso Paz-Andrade. Doutra beira, as caixas galegas repártense arredor do 21%, coa cota principal para Caixa Galicia, un 16,9%, e un 5% para Caixanova. Outros investidores significativos son as sociedades Liquidambar e Inverpesca, cun 5% e 4% respectivamente. O actual presidente incrementara a súa participación a finais de 2005, daquela posuía unha participación do 20,9% en Pescanova. Coincidindo coa súa saída do consello de administración de Fenosa, onde estaba en representación de Caixa Galicia, manuel Fernández de Sousa pasou a controlar algo máis do 24,5% da pesqueira, no gume do límite do 25% que lle obrigaría a lanzar unha OPA sobre a empresa.


Ligazóns

4,25/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: