Nese desafío, o goberno atopou nos concellos, co alcalde popular Xosé Crespo á fronte, a receptividade que de momento non transmite o grupo parlamentario do PPdeG.
Representantes do goberno e da Federación Galega de Municipios e Provincias coincidían este luns na inauguración das primeiras Xornadas sobre Avaliación Ambiental Estratéxica de Plans e Programas en Galicia. Aló, o presidente da Fegamp, o tamén alcalde de Lalín, Xosé Crespo, falaba da "necesidade urxente dun pacto global polo territorio, liderado polo presidente da Xunta de Galicia", e chamaba a que Concellos e Xunta fosen "da man" e actuasen "ao unísono, urbanisticamente falando". Crespo citaba a Xunta e Fegamp a tratar o asunto en profundidade "pasada a calor das municipais".
Ao respecto do convite, o presidente da Xunta pronunciábase durante o mesmo acto sobre ese pacto posíbel asegurando que o executivo considera prioritaria esa tarefa. "A Xunta é consciente de que nese camiño de acadar unha axeitada ordenación ten que avanzar "da man dos concellos". Emilio Pérez Touriño prometeu así que a aposta polo pacto sobre o territorio implicará o "deseño en común" dun novo modelo de ordenación onde o goberno será flexíbel para "rectificar" e "colaborar" na modificación dos "erros ou limitacións" que se atopen durante o proceso.