Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PPdeG sumou cinco alcaldías máis, unha o PSdeG e dúas os independentes

Atención especial aos oito concellos onde houbo moción de censura nesta lexislatura

A Rúa, Verín, Carral, Sada, Bueu, Baiona, Verea e Ponteareas... unha moción de censura cambiou de mans o bastón de mando, todas na primeira metade de mandato.

EP - 17:28 23/04/2007

Dende o 25 de maio de 2003 en oito municipios galegos producíronse cambios de rexedor polo procedemento das mocións de censura, concretamente en A Rúa, Verín e Verea (Ourense); Carral e Sada (A Coruña) e Bueu, Baiona e Ponteareas (Pontevedra).

A Rúa estreou a conta de mocións de censura o 1 de xullo de 2003. Foi logo dun erro na votación de investidura que lle dera a alcaldía ao representante do PPdeG, Avelino García. A continuación, a maioría que formaban PSdeG, BNG e independentes outorgoulle o bastón de mando ao representante destes últimos e actual alcalde, Xosé Vicente Solarat.

Uns meses despois, dous edís do BNG que abandonaban a formación usaron os seus votos para darlle a alcaldía de Carral ao líder do PPdeG no municipio, Xosé Luis Fernández Mouriño, censurando o socialista, Xoán Manuel Vales. Foi a primeira das varias veces en que o PSdeG acusou o PPdeG de violar o pacto antitransfuguismo.

En xaneiro de 2004, Ramón Rodríguez Ares chegou de novo á alcaldía de Sada en detrimento do nacionalista Abel López Soto, tras ser aprobada a moción de censura promovida polos oito edís do PP co apoio do tránsfuga socialista José Luis Santamaría, que foi expulsado da súa formación. Posteriormente, Rodríguez Ares deixou o PPdeG e acode ás próximas eleccións á fronte dun novo grupo independente.

Verín foi a seguinte, en abril, cando o socialista Emilio González Afonso pasou a ser novo rexedor despois de que prosperase a moción de censura subscrita polos tres partidos da oposición, PSOE, BNG e Independentes, contra o daquela alcalde deste municipio, o popular Xoán Manuel Jiménez Morán.

En maio, os cinco concelleiros do PP e os cinco de Unión Condado Paradanta déronlle a alcaldía de Ponteareas ao popular Salvador González Solla, quitándolle o mando ao socialista Francisco Candeira, que gobernaba co apoio de dous concelleiros do seu partido e cinco do BNG.

Xa a comezos do verán de 2004, a popular Elena Estévez tomou as rendas do municipio pontevedrés de Bueu grazas ao apoio dos independentes da localidade, unha vez máis en contra dun goberno nacionalista.

A sétima das mocións chegou o 24 de xullo de 2004 no municipio ourensán de Verea, onde o popular Xosé Antón Martínez González se fixo coa alcaldía co apoio de catro concelleiros do PP e outros dous de BNG, que pasaron ás filas independentes.

A última moción de censura produciuse tamén antes do ecuador da lexislatura, en novembro de 2004, cando o popular Xesús Vázquez Almuiña aproveitou a unión do seu grupo cos edís de Veciños Independentes de Baiona e os de Coalición Miñorana para substituír ao ata entón rexedor de Baiona (Pontevedra), o socialista Luis Carlos de la Peña.

Un total de 59 mocións de censura desde 1987
O 80% das mocións de censura en Galiza nos últimos vinte anos tiveron lugar sempre durante os dous primeiros anos de lexislatura. Desde 1987 votáronse nos concellos galegos un total de 59 mocións de censura gañadoras. En sete concellos houbo dúas.

Como resultado destas mocións, 20 alcaldes socialistas perderon o bastón de mando, por 17 do PPdeG, antes AP, e 7 do BNG. O Bloque foi o máis prexudicado polas mocións, xa que só en dúas ocasións accederon a alcaldías mediante esta fórmula, fronte ás 13 veces nas que o fixeron socialistas e 28 de representantes do PP, mentres que o resto correspondeu a outros partidos. Por lexislaturas, entre 1987 e 1991 foi cando máis mocións de censura se produciron, un total de 17, fronte ás 16 dos catro anos seguintes e as 13 que houbo entre 1995 e 1999. Entre 1999 e 2003 só houbo cinco.

Os datos saen do traballo de Guillerme Vázquez publicado pola revista de Investigacións Políticas e Sociolóxicas, que edita a Universidade de Santiago.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: