Dentro da programación anual de Furafollas Agrupación Teatral, este sábado 21 chega ao Centro Galego de Barcelona o grupo de teatro catalán FONICKULUS TeATRe.
Pola sala Francisco Ferrío xa pasou nesta tempada Furafollas e mesmo logo Quico Cadaval e mais Fran Pérez. A diversidade na oferta e a relación entre grupos, entre linguas e entre sensibilidades é unha das arelas dos ciclos de Troleiros de Provença.
Troleiros de Provença é o título do ciclo de actuacións que Furafollas Agrupación Teatral elabora anualmente e que leva a cabo cunha periodicidade mensual. Este ano Os Troleiros preséntanse baixo o título xenérico de “Mulleres no Tempo”, coincidindo co eixo temático transversal deste ano das entidades que forman Rede.cat. Este mes de abril, o mes de Sant Jordi, Furafollas convida a un grupo de teatro catalán para que presente o seu espectáculo no Centro Galego. O grupo convidado é FONICKULUS TeATRe que, baixo a dirección de Víctor Gómez, presenta o comedia “I les Cartes?”, obra orixinal de Pere Anglas e adaptada polo grupo. A actuación será o sábado 21 de abril, ás 19.30 horas.
FONICKULUS TeATRe e os seus membros son coñecidos de Furafollas Agrupación Teatral e de quen acostuma a seguir as súas actuacións, xa que ambas compañías teatrais teñen integrantes comúns.
Os catro personaxes da obra pasan uns días nunha casa boa, propiedade dunha das protagonistas. Os erros e os descoidos levarán ás dúas parellas a momentos comprometidos, delicados, dos que moitas veces, por máis que se quere saír, aínda se afonda máis na conflitiva situación. Polo medio andan unhas cartas de amor que, indo destinadas a unha das mozas, acaban en mans alleas. O enredo e a trama está servida.
O fundamental en I les Cartes? é o traballo dos actores, por iso a iluminación, a escenografía, os decorados e outros recursos escénicos son sinxelos, para dar a forza ás accións que se van sucedendo e á meada nas que se van embarullando as catro personalidades.
Ficha Artística da obra “I les Cartes?”
Grupo teatral: FONICKULUS TeATRe
Dirección: Víctor Gómez
Vestiario: Núria Enrech
Fotografía: Pol Marsà
Música: Enric Vendrell
Iluminación: Olga Begues
Intérpretes e personaxes:
- Hel·lena Meca: Sílvia, a mellor amiga de Clara, casada con Pol, quen non lle fai nin caso.
- Laia Pissabarro: Clara, moza rica que acaba de divorciarse.
- Enric Vendrell: Pol, vendedor de seguros, gracioso e especialista en complicarse a vida.
- Víctor Gómez: Genís, poeta e bohemio, namorarase da Clara.
ACTUACIÓN TEATRAL:
Obra: I les Cartes?
Grupo: FONICKULUS TeATRe
Sábado, 21 de abril, ás 19.30 horas.
Sala Francisco Ferrío
Centro Galego de Barcelona
Rambla Caputxíns, 35