A sexta praza na liga regular dálles a oportunidade de competir na Eurocopa.
O Extrugasa de Vilagarcía poderá xogar por primeira vez unha competición europea a vindeira tempada. O conxunto de baloncesto feminino acadou o sexto posto da liga regular, o que lle permitirá participar na Eurocopa con outros tres conxuntos estatais.
O feito de que este ano na Euroliga poida participar un equipo máis do Estado á parte do gañador da liga ábrelles a porta de Europa ás arousás. Será o primeiro club de Vilagarcía que acade tal honra. O conxunto xa está a pedir a axuda da súa localidade para afrontar o esforzo económico que lles vai supoñer participar na competición europea.
A directiva do Extrugasa calcula que poden aumentar o orzamento en 40 ou 50.000 euros e aspiran a acadar a cifra dos mil socios.