Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Semana Internacional de Ilusionismo en Compostela

Mago Romarís: “Repartimos felicidade”

Máis de trinta magos amosan durante sete días os seus mellores espectáculos por toda a capital do país. Moitos deles xa estiveran en Marín hai un ano.

Redacción / M. del Río - 17:46 18/04/2007
Mago Romarís

Mago Romarís

Compostela convértese esta semana na capital mundial da maxia coa Semana Internacional de Ilusionismo, que se desenvolve do 15 ao 21 de abril por diversos lugares da cidade. O público pode admirar na rúa, no Teatro Principal no Auditorio de Galicia, en centros socioculturais e en colexios os espectáculos máis abraiantes.

Un dos máis de trinta magos que participan, e membro da Asociación Profesional, é o Mago Romarís, que define o seu espectáculo como de “estilo enxebre” e con moito humor.

Vieiros: Como naceu a idea de crear esta semana de maxia?

Mago Romarís: A idea da Semana Internacional do Ilusionismo xa xurdiu hai uns quince anos. Un grupo de magos, sobre todo o Mago Antón, vimos que estaban a aparecer máis artistas que se querían dedicar profesionalmente a isto. Houbo reunións entre nós e decidimos facer un festival galego. En Lugo, hai catro anos, montouse un primeiro festival que tivo un grande éxito. Logo decidimos trasladalo a Compostela, para darlle máis repercusión, ao ser a capital. Entón, hai dous anos presentóuselle o proxecto ao concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e agora, finalmente, fíxose. Non creo que se vaia arrepentir. Está a ser un enorme éxito. Por exemplo, o domingo pola tarde máis de 6.000 persoas viron a actuación de Luís de Matos.

V: E que distingue o espectáculo do Mago Romarís?

M. R.: Romarís é un mago galego, cun estilo propio que combina maxia e humor. Introduzo na actuación elementos do país, como viño, filloas, chourizos... É un estilo... enxebre.

V: Cal é o seu principal público?

M. R.: O noso público é toda a xente, toda a familia. Atraemos todos os públicos. Nun momento podes subir un rapaz ao escenario, logo xente máis maior... A nosa misión é repartir felicidade. Cada un dos magos ten o seu estilo particular: algúns conectan máis cos rapaces, como por exemplo Cyrille Sinclair ou Chrystyan Magic. Pero o público é todo o mundo, aínda dentro dos diferentes estilos: o meu é cómico, o do mago Antón é de grandes ilusións, o mago-mimo Anyo coida moito a posta en escena, tamén temos un mago galego-alemán... son 19 estilos diferentes.

V: A asociación Magos Profesionais de Galicia, que organiza esta semana, é un fenómeno único.

M. R.: É o primeiro a nivel do Estado, de Europa e penso que do mundo. O feito de que os magos profesionais se xunten a nivel profesional é único. Non é o habitual nos tempos que corren, nos que predomina a competencia. Loitamos xuntos pola maxia galega. Non pasa noutros lugares, onde hai grandes estrelas independentes. Todo foi grazas ao mago Antón. Ademais, hai un bo ambiente: temos o apoio da Xunta, do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará. Temos un recoñecemento no Igaem a nivel institucional, e mesmo axudas para as infraestruturas.

Os magos galegos participaron en diversos festivais por todo o país, como este en Marín, o pasado mes de Maio:


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: