A páxina web mostra as melloras propostas para comer, ir tomar uns viños e onde está a marcha.
Portada da web
Alumnos de Xornalismo da Universidade de Santiago están a descubrir o lado máis oculto de Compostela ao tempo que elaboran un traballo para dúas materias. Exploradores Urbanos 07 é unha guía en liña realizada por corenta estudantes e que pretende ser unha alternativa ás propostas turísticas oficiais.
O proxecto, para as materias de Creación de produtos na rede e Taller de aplicacións na rede, de cuarto curso de Xornalismo, "fala pouco de monumentos, que xa aparecen en moitas webs, pero moito das persoas e colectivos que poden converter unha viaxe turística nunha experiencia social", explica o profesor Manuel Gago en declaracións a Europa Press.
Polo momento, a guía aínda está incompleta, pois o traballo segue progresando até o mes de xuño. Inclúe todo tipo de propostas, dende a gastronomía até as compras ou a vida nocturna, e conta cun mapa onde se amosa o emprazamento de cada un dos lugares comentados. Asemade, os estudantes van engadindo imaxes e vídeos gravados nos locais composteláns.
Gago Mariño explicou que son os alumnos os responsábeis de todas as partes do proceso de elaboración da web, que está previsto que se vaia actualizando cada ano polo estudantado das futuras promocións.