O concello de Covelo construíu no ano 2000 un dique no leito do río Xabriña (afluente do río Tea) co pretexto de facer unha captación de auga. Ante este feito SEPRONA, a Consellería de Medio Ambiente, os veciños de Paraños e a Asemblea do Suído presentaron daquela, as súas correspondentes denuncias por consideraren que esa obra afectaba de xeito negativo ao ecosistema fluvial do devandito río e por incumprir varias normativas ambientais (como a Lei de Pesca Fluvial).
Ao día de hoxe aínda contamos coa presenza do dique (sen escalas para os peixes) no río Xabriña, a pesar de non ter autorización da Confederación Hidrográfica do Norte (mais si autorizou unha captación de auga de 0´76 L/seg., denegando o seu uso industrial ) e existir dous informes negativos sobre a súa construción da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Pontevedra. Amais nin sequera a condución construída conta con autorizacións de servidume.
O Concello de Covelo construíu unha captación de auga encuberta para uso industrial, a pesar de non contar con permiso, motivo polo que o asunto da concesión foi levado ao Tribunal Supremo e aínda está pendente de resolución xudicial. Agora o concello acaba de solicitar unha ampliación da captación actual de auga para o polígono industrial para un uso “sanitario”, cando na realidade vai ser destinado para uso industrial. Para realizar a toma de auga o Concello de Covelo utilizou un cano de 200 mm de diámetro, co propósito de captar 4´5 L/seg. nun río que ten un caudal medio de 6-8 L/seg. (¡máis da metade do seu caudal!), e agora queren captar máis auga! ¿Queren deixar seco o río?!
Polígono Industrial Sostible!?Para máis inri, a captación ilegal de auga é para un polígono industrial que di defender e non poñer en perigo os valores e os recursos naturais da zona, cun modelo de desenvolvemento sostible.
Núcleo de Sostibilidade Integrada!?O Concello de Covelo está incluído no programa de fomento da sostibilidade impulsado pola Consellería de Medio Ambiente. Un dos requisitos para formar parte do programa é o “cumprimento da normativa ambiental vixente, o que implica que os entes locais no estean incursos en procedementos administrativos que teñan a súa orixe en ilícitos ambientais acaecidos no seu territorio”.
Do exposto concluímos que o concello está a incumprir as bases do devandito programa, polo que solicitamos á Consellería de Medio Ambiente que estude a permanencia do concello no programa. Ao noso parecer, a boa consecución das bases do programa de fomento da sostibilidade en Covelo, están abocadas ao fracaso, xa que non gardamos ningunha esperanza en que o actual goberno municipal saiba integrar desenvolvemento con respecto e conservación do medio ambiente, tal como nolo ten amosado durante moitos anos. Se non se fai nada para remedialo, os 240 mil € destinados a Covelo para levar adiante o programa corren o perigo de desaparecer das arcas municipais sen ter sido utilizados para o seu verdadeiro fin, da mesma maneira que ocorreu coa subvención europea do Leather II para o proxecto dun cámping en Maceira (Covelo).