O departamento dirixido por María Xosé Caride destinará 39 millóns de euros en cinco anos para que todos os concellos se adapten.
A consellaría procura con este anuncio reducir a tensión xerada nos últimos días con varios concellos logo da ratificación de once contenciosos contra os concellos de Malpica, Fisterra, Foz e Barreiros.
María Xosé Caride anunciou en conferencia de prensa que o seu departamento atenderá á totalidade dos concellos de Galiza e que nos vindeiros días publicarase a orde de axudas ao desenvolvemento do planeamento para estes.
Adiantou que os municipios con planeamento anulado ou suspendido, independentemente do seu número de habitantes, recibirán subvencións do 100%, e que financiará tamén á totalidade dos custes do planeamento nos 196 concellos de menos de 5.000 habitantes, o 90% nos 97 de entre 5.000 de 20.000 habitantes e o 80% nos 15 concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes. Pola súa parte, as axudas ás sete grandes cidades formalízase a través de convenios Galicia
A conselleira destacou o carácter “transparente e obxectivo” destas axudas, que se rexerán segundo criterios de poboación e a superficie do concello en cuestión, o número de entidades de poboación con que conta, o número de habitantes en cada un dos núcleos e o tipo de planeamento que está vixente no municipio.
Na conferencia de prensa anunciouse tamén que no no último trimestre deste ano empezará a funcionar o Instituto de Estudos do Territorio, que prestará asistencia e asesoramento aos concellos para a elaboración, xestión, adecuación e execución do seu planeamento. Caride anunciou que tamén se creará a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, un ente de carácter consorcial que ten como principal finalidade “velar polo uso racional do solo conforme á normativa urbanística”.