A axencia espacial estadounidense recruta programadores ao tempo que libera código empregado en misións anteriores.
A NASA está a recrutar en Second Life voluntarios para programar novas misións espaciais. O proxecto, denominado CosmosCode, e baseado no software libre, comezou a funcionar o ano pasado e farase público nas vindeiras semanas, segundo informou Wired.
CosmosCode permitiralles aos científicos da NASA acometer un proxecto de software de dominio público, creando unha comunidade activa de voluntarios seguindo a filosofía do código aberto. Con este proxecto, a NASA emprende un camiño de apertura e transparencia, tan pouco habituais nos burocratizados laboratorios do goberno estadounidense.
O proxecto forma parte de CoLab, iniciativa que pretende que o público en xeral axude a resolver problemas de enxeñaría da axencia espacial dos EUA. En contrapartida, estase a liberar e publicar o código de programas de anteriores misións, creando unha especie de forxa de software espacial.
CoLab conta cunha illa en Second Life onde se reúnen decote quince persoas con perfís que van dende un estudante de doutoramento até un libreiro xubilado. No espazo virtual organízanse conferencias e deséñanse obxectos que se poden probar en tempo real.