O mítico ex xogador búlgaro é a primeira opción para os vigueses malia adestrar actualmente a selección do seu país.
O ex xogador do FC Barcelona Hristo Stoitchkov é o elixido pola directiva do Celta de Vigo para substituír a Fernando Vázquez. O club celeste está á espera de conseguir o permiso federativo que lle permita ao búlgaro deixar os mandos da súa selección.
Segundo adiantou a Televisión de Galicia, o acordo xa está pechado. O Celta teríalle ofrecido a Stoichkov un contrato polo que resta de tempada mais outro se salva a categoría, aínda que é probábel a súa continuidade aínda que o club vigués descenda á Segunda División.
Carácter revulsivo
A dirección deportiva do Celta aposta polo carácter de Stoichkov como revulsivo fundamental no troco de mentalidade do equipo, actualmente en postos de descenso.
O ex xogador do F.C. Barcelona posúe un amplo palmarés na súa etapa como futbolista profesional. Gañou o Balón de Ouro en 1994 e a Bota de Ouro na tempada 89-90. Co Barcelona acadou unha Copa de Europa, unha Recopa, catro ligas e unha copa. Coa selección de Bulgaria foi cuarto no mundial dos EUA, cita na que foi o máximo goleador con seis goles, xunto co ruso Salenko.