O seu secretario xeral, Alfonso Rueda, sinalou que a galega é "a máis manipulada e sectaria das canles públicas autonómicas".
Alfonso Rueda
O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, anunciou esta terza feira que a súa formación denunciará ante o Valedor do Pobo, Xosé Ramón Vázquez Sande, a "manipulación" da Televisión de Galicia. Segundo os populares, é "a máis sectaria das canles públicas autonómicas" e "funciona como axente electoral do PSOE".
Rueda explicou que "ao PP no lle queda outra" que acudir ao Valedor ante a actual situación "insostíbel". Amosou o seu convencemento de que este "tomará cartas no asunto", e esixira "que a TVG sexa obxectiva e imparcial".
Ademais, denunciou que o trato ofrecido aos populares galegos pretende dar a imaxe "dun partido político que no existe ou se existe, é só para mal". Neste senso, Rueda sinalou que dispoñen de "datos constatábeis" para demostrar as súas acusacións, e que porán a disposición do Valedor do Pobo.
A TVG no anterior Goberno
Consultado pola situación da TVG có anterior Goberno, do PP, o secretario xeral concluíu que "non ten comparación en absoluto", e reiterou que a televisión actual "é a máis manipulada e a máis sectaria, sen parangón co funcionamento da anterior".
Nesta mesma liña, o deputado do PPdeG Diego Calvo asegurou que xa "constataran" diversos casos de manipulación. Segundo este, o obxectivo é "trasladar unha realidade virtual ideal, que non se corresponde coa realidade galega".
Asemade, lembrou que tanto PSdeG como BNG comprometeranse en campaña e logo de asumiren o Goberno a que o director da CRTVG fose designado por unha maioría cualificada. Calvo esixiulles o cumprimento desta promesa.