Arredor da súa sociedade Tempe, que fabrica a liña de zapatos para as tendas actuais, podería organizar unha nova cadea.
O proxecto sae da boa acollida dos complementos e accesorios nas tendas das que xa dispón o xigante galego do téxtil, principalmente en Zara, que a miúdo lles serve de plataforma de proba para veren a resposta dos consumidores ás novas liñas de produtos. Froito desa avaliación xorde a posibilidade de despregar unha rede de tendas independentes, ao xeito que no seu momento foi a de artigos para a casa, "Zara Home".
Inditex conta coa sociedade Tempe desde 1989 para o deseño, fabricación e distribución de calzado para todas as tendas dos oito formatos comerciais: 'Zara', 'Kiddy's Class/Skhuaban', 'Pull and Bear', 'Massimo Dutti', 'Bershka', 'Stradivarius', 'Oysho' e 'Zara Home'. A primeira colección de calzado chegou ás tendas de Zara con sección de neno en 1990 e, dende entón, as liñas de produto fóronse ampliando e introducindo no resto das cadeas. Tempe ten na actualidade a capacidade de producir máis de 25 millóns de pares de zapatos ao ano. En 2006 Tempe lanzou a súa primeira colección de complementos.
O último proxecto que Inditex xa trasladou ás súas tendas 'Zara' é o de roupa para futuras nais. Un cento de estabelecementos en todo o Estado xa venden estas prendas nun pequeno espazo reservado en cada tenda, a xeito de mostra para comprobar a percepción dos consumidores.