Guillermo Summers tamén recibiu o galardón de honra e Antón Losada a curuxa de barro.
Os premios Curuxa, que concede o Museo do Humor de Fene para premiar a graza de artistas, medios e institucións, chegaron á súa décimo oitava edición. Desta volta, entregáronse catro galardóns para outras tantas categorías.
Pola súa traxectoria humorística, recibiron a curuxa de honra os cómicos Quico Cadaval e Guillermo Summers. O premio para os medios de comunicación foi para o blog Aduaneiros sem fronteiras, “adicado a investigar nos santos misterios da sociedade, política e cultura galegas”, explica o xurado.
O galardón na categoría de humor gráfico recibírono Pinto&Chinto ou, o que é o mesmo, David Pintor e Carlos López, mentres que foron finalistas outros oito ilustradores: o galego Carlos Sardiña, os españois José Luis Cabañas, Juli Sanchís i Aguado, Angelines San José e David Vela Cervera, o ruso Maxim Smagin, o cubano afincado no Brasil Osmani Simanca e o colombiano Omar Figueroa.
A curuxa de barro, que concede a título persoal o museo fenés, recaeu este ano en Antón Losada, secretario xeral e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Xunta. O veredicto salienta o “contrastado senso do humor con características fondamente galegas” do premiado, pero lamenta “que en determinado intre, esqueceuno e adicouse a... rañala”.
O xurado estivo composto por Luís Humberto Marcos, director do Museu da Imprensa do Porto; Francisco Puñal, cineasta cubano; Ramón Irazu, profesor da Escola de Belas Artes de Lugo; Xosé González Tomé, presidente da comisión de Cultura do Concello de Fene, e Xaquín Marín, director do Museo do Humor.