Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ACTIVIDADES DO PROXECTO GALAUDA

O Camiño do Sol, entre l'Hospitalet de Llobregat e Meira

Benvida ao IES Pedregal de Irimia, o primeiro IES de Galicia onde se están a facer, neste curso 2006-2007, clases de Cultura e Lingua Catalás.

Proxecto Galauda-Lito Caramés - 22:00 02/04/2007

O pasado 26 de marzo, no IES Margarida Xirgu de l'Hospitalet de Llobregat, a profesora dos créditos de Cultura e Lingua Galegas, Charo Teijeiro, a Xunta Directiva do IES, o departament d’Educació e o Proxecto Galauda deron a benvida a un grupo de alumnos de 4º do ESO do IES Pedregal de Irimia de Meira (Lugo) que está a facer unha viaxe por Catalunya. A recepción que se lles fixo aos excursionistas adolescentes e mais aos dous profesores acompañantes consistiu nun emotivo acto que Charo Teijeiro, organizadora do evento, titulou O Camiño do Sol / El Camí del Sol, apelativo que simboliza poeticamente a xuntanza das terras do leste coas do oeste dende o nacemento do sol (Mediterráneo) ao solpor (Atlántico) nun camiño de luz (coñecemento) que sustenta e potencia a convivencia entre os pobos.

A recepción tivo lugar contra as 10 da mañá. En primeiro lugar, estudantes e profesores da ESO de Meira fixeron un percorrido por aulas e dependencias do centro educativo Margarida Xirgu. A continuación baixaron ao salón de actos, onde xa agardaba o alumnado que cursa na actualidade o crédito de Cultura e Lingua Galegas.

Desde a mesa falaron a profesora Charo Teijeiro –natural de terras veciñas a Meira-; Joaquim Roldán, director do IES Margarida Xirgu; Sabela Labraña, directora do Proxecto Galauda; e María Ojuel, representante do departament d’Educació.

Charo Teijeiro falou do intercambio cultural que existe dende hai tres anos entre o Proxecto Galauda e o IES Pedregal de Irimia. Nas viaxes a Galicia dos anos 2005 e 2006 os estudantes cataláns visitaron o Centro de Meira que se constituíu nun verdadeiro lugar de encontro entre as culturas galega e catalá. Joaquim Roldán celebrou que o Margarida Xirgu sexa un dos IES que implementa as propostas didácticas do Proxecto Galauda para a aprendizaxe da lingua galega en Catalunya; salientou que acotío estamos máis preocupados por coñecer culturas de fóra do Estado español e non reparamos nas veciñas, coas cales ademais interactuamos na vida cotiá.

Sabela Labraña salientou os espléndidos resultados do Proxecto Galauda en Catalunya e Galicia no que fai á convivencia dos pobos a través do coñecemento mutuo. Felicitou o centro de Meira por ser o pioneiro neste proxecto intercultural ao botar adiante unhas clases fóra do horario lectivo, co esforzo engadido que iso supón. O IES Pedregal de Irimia é o primeiro centro educativo non universitario de Galicia onde se están a facer, neste curso 2006-2007, clases de Cultura i Llengua Catalanes. Estas clases son os venres á tarde e, malia ter comezado en xaneiro, formouse un grupo de 16 alumnas e alumnos de Secundaria e Bacharelato, e 4 profesores do centro. O profesor é Eduard del Castillo, licenciado en Filoloxía Catalá e membro do grupo de traballo do Proxecto Galauda, que este ano cursa estudos de Filoloxía Galega en Santiago de Compostela.

Finalmente, Maria Ojuel, técnica da Direcció General d'Ordenació Edicativa do departament d'Educació da Generalitat de Catalunya felicitou e felicitouse pola consolidación do Proxecto Galauda, que xa vai para dez anos que comezou a súa andaina, e aínda máis polos primeiros pasos que se están a dar en Galicia co ensino da lingua catalá.

Un powerpoint músico-visual sorprendeu os visitantes galegos, ao mostrarlles imaxes da visita que en maio de 2006 fixo o alumnado de Catalunya ao IES Pedregal de Irimia e nas que aparecían momentos do recibimento no centro e do encontro posterior na área recreativa de Meira; mentres soaba “Amigos para Sempre” interpretada por Josep Carreras.

A continuación o alumnado do crédito de Cultura e Lingua Galegas do IES M. Xirgu (16 alumnas e 2 alumnos) escenificou un conto oriental popular O CANTEIRO, vertido ao galego especialmente para as clases dos créditos de Cultura e Lingua Galegas, e como unha ferramenta máis e moi válida para a aprendizaxe dunha lingua. A representación incluía coreografías, con música e bailes, e coa forza expresiva das máscaras (rei, sol, nube, vento, montaña) que todo o alumnado de 3º da ESO confeccionou especialmente para esta obra. Cómpre destacar que a escenificación do Canteiro foi o froito do traballo multidisciplinar do alumnado e do profesorado do IES Margarida Xirgu. Para facela posible, tal e como a puidemos ver, levan traballando, desinteresadamente e desde hai meses, profesoras e profesores das áreas de Educación Visual e Plástica, da área de Música, do departamento de Tecnoloxía deste centro público. Todas e todos animados e impulsados polo entusiasmo de Charo Teijeiro, a profesora dos créditos de Cultura e Lingua Galegas deste instituto.

O resultado foi excelente. Estudantes e profesores do IES Pedregal de Irimia estaban sorprendidos e abraiados, non só do espectáculo musical e coreográfico ao que acababan de asistir por sorpresa, senón tamén pola calidade do galego empregado na dicción do conto.

Rematou o acto de benvida, O Camiño do Sol / El Camí del Sol, cun aperitivo na cafetería do centro, onde os produtos cataláns tamén deron a benvida aos meirenses.

O Proxecto Galauda é membro de Rede.cat.


4,25/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: