Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
A rede difundiu novas incríbeis como cada ano

Andrómenas tecnolóxicas do 1 de abril

O lanzamento de novos servizos de Google, unha demanda contra Microsoft ou a posta á venda dun casco para controlar a Wii están entre as novas do domingo.

Redacción - 18:10 02/04/2007
O WiiHelm

O WiiHelm

O 1 de abril é a data axeitada para que circulen pola rede andrómenas relacionadas con novas tecnoloxías imposíbeis. Os medios de comunicación de practicamente todo o mundo tamén participan dese día, e algúns chegan a crer na veracidade das brincadeiras.

Unha das empresas que máis contribúen á extensión destas informacións é Google. Aínda que nalgunhas ocasións aproveitou o 1 de abril para lanzar servizos como Gmail, este ano argallou un par de andrómenas que tentou disfrazas do xeito máis convincente posíbel: o novo servizo Gmail Paper, que permitirá recibir unha copia en papel de todas as mensaxes da caixa de correo electrónico, mesmo as fotografías, impresas en alta calidade. O custo cubrirase con publicidade, impresa na parte de atrás dos folios con letras vermellas de gran tamaño.

A outra das andrómenas da compañía estadounidense é Google TiSP (Beta), un servizo de banda larga sen fíos gratuíta que transmite a información a través da rede de sumidoiros. Outro xigante tecnolóxico norteamericano, neste caso vítima de bromas, é Microsoft. Desta volta, a través de Slashdot puidemos saber que segundo a web alemá heise.de, a Fundación Mozilla vai demandar a empresa de Bill Gates por ter incorporado ao Internet Explorer 7 a navegación por pestanas.

Tarecos imposíbeis
A empresa de venda de trebellos ThinkGeek anunciou a saída ao mercado, entre outros produtos incríbeis, do WiiHelm, un casco que permite xogar á Nintendo Wii sen ter que facer esforzos cos brazos: só hai que mover a cabeza. Mesmo teñen un vídeo demostrativo.

A axencia Reuters tamén falou do caso da astronauta da NASA Suni Williams, que tentará correr o 111º maratón de Boston dende a Estación Espacial Internacional, onde se atopa actualmente. Segundo esta información, Williams, de 41 anos, correría 340 quilómetros por riba da superficie terrestre e daría dúas voltas ao mundo durante a carreira.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: