O 2007 será un ano de celebracións, concertos e actos diversos na cidade das Burgas, co gallo do cincuentenario do Conservatorio. Entre marzo e maio contaremos con catorce formacións e artistas de ámbito galego e internacional.
Co patrocinio da Fundación Caixa Galicia e o apoio da Consellería de Cultura, o Teatro Principal ourensán, o Auditorio Municipal e a Catedral, o Conservatorio ourensán celebra o seu cincuentenario por todo o alto, cunha chea de concertos e actividades.
Así, o programa inaugurouse o sábado 3 de marzo co concerto do quinteto de metais Spanish Brass Luur Metalls. O día 9 escoitamos á pianista Marta Blanco, e ao dúo integrado pola cello Noia Suárez e o pianista Damián Hernández. O día 14, a Armonía Universal, o concerto de Carlos Núñez, traverso barroco, e Fernando López, clave. Outro dúo, Saxcello, tocou o día 20. Intégrano, como o propio nome indica, un saxo (Emilio Vázquez) e un cello (Benito Torres). Para o 27, piano a catro mans con Carlos e Xoán Manuel Iglesias. E abril abre co concerto do violinista José Manuel Álvarez e a pianista Arabel Moráguez o día 10, e segue coa voz da soprano Ana Docampo e a guitarra de Juan Enrique Miguéns o 18. O 27 actúa o Cuarteto Quiroga de corda. E en maio, Aurora Dúo, integrado pola frautista Saleta Suárez e a pianista Miaomiao Yu, actuará o día 1. Os seguintes concertos son os de Carducci String Quartet o 8 e o guitarrista Marcos Díaz o 16. As voces do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia enchen a Catedral o día 20, e, como clausura, 4 Mality Percussion Quartet o día 26.
Por outra parte, as conferencias completan o programa coas achegas de persoeiros expertos: Marcos Valcárcel protagoniza a primeira delas o día 12, co título Galicia 1900-1936: unha cultura comprometida coa identidade. A de abril, a día 16, vén da man de Roberto Relova Quinteiro, co título Amor, irrealidade, soños e morte na música. (Unha reflexión sobre as paixóns na música, desde o barroco ata o século XXI). E a última delas chega aos nosos días: A creación musical contemporánea en Galicia: diversidade e calidade, de Carlos Villar Taboada, clausura o ciclo de conferencias o 14 de maio.