"Como cidadán, cando me levanto polas mañás e vexo guindastres traballando, penso que teñen traballo os encofradores, os escaiolistas, fontaneiros, electricistas, pintores...". O candidato do PPdeG en Ourense defende a súa actividade no sector da construción.
Recentemente implicado nun caso de presuntas irregularidades urbanísticas, o alcalde ourensán defende a súa actividade empresarial e opina que en materia urbanística a tutela autonómica "xa é excesiva". Na súa opinión, os concellos deberan poder ter máis ampla marxe de manobra en materia de urbanismo xa que, segundo insiste Nova o Concello de Ourense ten técnicos "de tanta calidade e categoría como ten a Xunta".
Enrique Novoa asegura que no sector "hai construtores e promotores especuladores e tamén boa xente e bos empresarios que xeran traballo e riqueza, como pasa cos médicos ou cos mestres". O candidato que o PPdeG escolleu para substituír a Manuel Cabezas á fronte da lista do partido na cidade das Burgas di estar seguro de que as súas leas nos xulgados, onde foi citado a declarar pola implicación en presuntos delitos urbanísticos, non lle van restar votos. "En Ourense, para o bo e para o malo, coñecémonos todos e aquí non hai trama ningunha", subliña, insistindo en que o único que hai é "un alcalde que é empresario, que aos 19 anos montou a súa primeira empresa e algunha das 14 empresas que creou fixo obras como socia dalgún empresario da construción". "É unha soa en Ourense dende o 95", precisou.
Fronte á caída no prognóstico de voto para os populares en Ourense, o candidato do PPdeG na cidade asegurou ademais que "non sería un fracaso" non gobernar, comentando que "a lei electoral está como está". A súa opinión ao respecto é que se debería modificar a lei "para que o partido máis votado sexa o que goberne".