Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Abastecerá unhas 8.000 casas

Portugal inaugura a maior planta solar do mundo

Suporá o aforro dunhas 30.000 toneladas de gases emitidos á atmosfera. Por outra banda, Carballo acolle as III Xornadas de Enerxías Renovábeis e Aforro Enerxético.

Redacción - 12:04 29/03/2007
Planta solar de Serpa

Planta solar de Serpa

A maior planta de enerxía solar do mundo foi inaugurada esta corta feira en Portugal. O país luso está a realizar un importante esforzo para reducir a importación de combustíbeis e a emisión de gases de efecto invernadoiro.

O complexo foi construído por empresas portuguesas e estadounidenses, preto da cidade de Serpa, na rexión do Alentejo, a 200 quilómetros ao sueste de Lisboa.

Segundo as autoridades portuguesas, a nova instalación, edificada nunha área de preto de 60 hectáreas de oliveiras, vai producir enerxía suficiente -ao redor dos 20 xigavatios/hora- para abastecer até 8.000 casas. Ademais, a súa posta en marcha suporá o aforro de máis de 30.000 toneladas de gases emitidos á atmosfera

O 45%, renovábel en 2010

"Temos o obxectivo de que no 2010 o 45% da electricidade proveña de fontes renovábeis, e que un 15% desta estea elaborada a partir da biomasa e da enerxía solar; é unha das metas máis ambiciosas non só de Europa, senón do mundo", sinalou o ministro de Economía portugués, Manuel Pinho.

Portugal está a facer un importante esforzo para producir enerxía renovábel, levando a cabo numerosos proxectos relacionados coa enerxía solar, a eólica e a maremotriz. Pinho engadiu que nos vindeiros cinco anos está planeado o investimento de até 8.000 millóns de euros en enerxía limpa.

Xornadas en Carballo

Por outra banda, este xoves comeza a terceira edición das Xornadas de Enerxías Renovábeis e Aforro Enerxético, que terán lugar até o de 1 abril no Pazo da Cultura de Carballo. Estas teñen por obxecto potenciar o uso das enerxías limpas, así como a súa difusión entre os sectores profesionais e no público en xeral.

Os asistentes ao simposio poderán coñecer aspectos técnicos, legais e prácticos sobre o aproveitamento das renovábeis, sempre dende un punto de vista práctico e próximo á realidade galega.

A Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober), é a impulsora das xornadas, que contan coa colaboración do Instituto Enerxético de Galiza (Inega). Ademais, esta última expón en Carballo a mostra itinerante Un Mundo de Enerxía.


Ligazóns

4,83/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: