Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Unha medida que atenta contra a conservación da biodiversidade

Autorízase o transporte e solta de 20 corzos nunha finca de Aranga

A Federación Ecoloxista Galega dirixiu hoxe un escrito á Consellería de Medio Ambiente para que dea explicacións sobre que criterios e quen foi o responsable da autorización administrativa para transportar e soltar nun peche cinexético ata 20 corzos procedentes de Francia.

Federación Ecoloxista Galega - 11:28 29/03/2007

A FEG considera está práctica coma unha gravísima falta de criterio profesional e irresponsabilidade da administración, en prácticas totalmente desaconselladas por todos os organismos de referencia, e que reproducen vellas prácticas de introducción de especies que supoñen a contaminación xenética dos ecotipos ou variedades das poboacións históricas. Recordan este tipo de prácticas aquelas que no seu día permitiron a contaminación xenética e entrada de enfermidades do coello, da lebre, da perdiz, ou incluso a aparición da troita arco iris nos ríos galegos.

A FEG puido saber que o Servicio provincial de A Coruña de Caza e Pesca Fluvial da Consellería de Medio Ambiente concedeu, por primeira vez, a un propietario dunha finca con fins cinexéticos traer entorno a 20 corzos (Capreolus capreolus), procedentes de fincas francesas . Os animais foron liberados nun cercado cinexético de reducidas dimensións sito en Aranga (A Coruña), superándose a capacidade de carga da finca para albergar os animais en axeitadas condicións, co cal estes cérvidos se atopan nun moi mal estado e cos machos mancándose ao estar sometidos a unha forte competencia. Detrás desta práctica agóchase un interesante negocio baseado na venta e cría de especímenes de cérvidos para repoboacións en coutos de caza, procedemento que ven sendo habitual noutras fincas cinexéticas do estado. As traslocacións e soltas de grandes mamíferos están absolutamente desaconselladas polos técnicos especializados en conservación da natureza e polas institucións internacionais de conservación, entre elas a WWF e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), que procedeu a crear un grupo especialista para abordar os graves riscos das translocacións.

Neste sentido, a FEG contactou coa Comisión Científica e Técnica de UNITEGA (Unión de Tecores de Galicia), que coincide plenamente en que a realización dunha repoboación deste tipo suporía un grave erro que sen dúbida traería consecuencias moi negativas para o mantemento da riqueza xenética dos corzos galegos. Os técnicos de UNITEGA incluso recomendaron o pasado verán aos seus tecores asociados situados na mesma zona onde se atopa dito peche, que evitaran a realización de calquera tipo de repoboación ou introdución de exemplares de corzo ao oeste das Autoestradas AP-9 e A-6 E-70 con corzos que non procederan directamente da marxe leste de ditas autoestradas.

Espertos en xenética de poboacións e técnicos en caza, a través de varios estudos demostran que os corzos de toda a península Ibérica diferéncianse xeneticamente de forma claras coas do resto de Europa. Neste mesmo sentido, as autoridades portuguesas incluso prohiben dende fai varios anos a realización de repoboacións de corzo ao norte do río Douro con exemplares que non procedan desa mesma rexión, xa que as poboacións do norte de Portugal atópanse en contacto directo coas poboacións de Galicia. A FEG tamén subliña o importante risco sanitario que se corre, xa que as poboacións de corzo de Francia están expostas a enfermidade vírica chamada “Lingua azul”, enfermidade que, de aparecer en Galicia podería ter unha grande repercusión económica para os gandeiros. Por último, a FEG entende que este tipo de prácticas son obsoletas e dado o estado do medio forestal de Galicia e os requirimentos ecolóxicos do corzo esta medida é coma “ botar caldeiros de auga ao mar”


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: