Puntogal explícalle aos directivos deste ente, reunidos en Lisboa, que presentará unha candidatura para a lingua e a cultura galegas.
Relator en Lisboa // Foto: Joi Ito
Non se poderán presentar propostas oficiais para crear novos dominios de internet ata, polo menos, finais deste ano. Esta é unha das conclusións da Conferencia da ICANN que remata mañá venres en Lisboa. A ICANN é a organización non gobernamental que, entre outras funcións, regula as direccións de internet.
Durante o evento, membros da directiva de Puntogal -asociación que busca un dominio para a lingua e a cultura galegas- expresáronlle a ICANN que os galegos estarán presentes cando se abra a convocatoria. Ademais, deron conta dos apoios xa recollidos, apoios que son claves para ter opcións de éxito.
Neste sentido, é especialmente importante recoller moitos apoios da emigración. Na actualidade, máis de 5.000 internautas xa asinaron de xeito individual a prol de Puntogal.
Longo debate na ICANN
Os requisitos que deberán superar os candidatos está a xerar un forte debate na ICANN. De feito, o organismo leva 15 meses traballando na redacción da convocatoria, que vai con atraso.
A ICANN non está considerando erguer ningunha barreira contra os dominios culturais, que é a vía pola que aposta Puntogal. É máis, directivos da ICANN gabaron publicamente o traballo de Puntcat. O ".cat" é o primeiro e único identificador concedido a unha comunidade cultural. En menos dun ano, os cataláns superaron a barreira dos 20.000 dominios rexistrados.
Queren un dominio para as familias
Entre os factores que poderían atrasar o desenvolvemento da convocatoria está a presentación masiva de candidaturas. Á cita de Lisboa acudiron colectivos que, por exemplo, buscan o establecemento de dominios con fins tan diversos como un identificador para a comunidade que fala gaélico, un para a cidade de Berlín e mesmo para as familias, idea promovida dende a Universidade de Navarra.
Un dos puntos nos que traballa a ICANN é como ser quen de identificar moi rápido que candidatos teñen posibilidades reais, co fin de que as candidaturas máis frouxas non lastren aos outros.
Está difícil para o ".xxx"
Por outra banda, o venres está previsto que a ICANN se pronuncie sobre a candidatura do ".xxx". Os promotores deste identificador queren usalo para os contidos pornográficos. Esta idea provoca reticencias entre moitos internautas, que o ven como un paso cara o control da rede.
A ICANN cancelou a aprobación inicial do “.xxx” tomada en 2005. Nos regulamentos da ICANN dise que non se crearán nomes que vaian en contra da moralidade.
De ser rexeitado, é posible que os empresarios valedores do dominio erótico recorran á Xustiza. Por iso, os argumentos que, no seu caso, use a ICANN para dicirlle definitivamente non ao ".xxx" poderían supor un importante precedente xurídico.