Serán 97 millóns até 2013 postos ao servizo da cooperación entre Galiza e Portugal para o deseño de estratexias conxuntas.
A colaboración urbana no ámbito da eurorrexión galego-portuguesa foi un dos obxectivos destacados este luns durante a presentación en Bragança da nova Agrupación Europea de Cooperación Territorial. A posibilidade de desenvolver a colaboración entre municipios ás dúas beiras do Miño en materia de formación, sanidade, educación ou ámbito empresarial, con posibilidades tales coma o acceso a centros sanitarios para os cidadáns, ofrecerá algunhas das oportunidades máis tanxíbeis para os veciños á luz deste proxecto.
Durante a presentación da iniciativa, á beira da comisaria de Política Rexional da Unión Europea, Danuta Hübner, a ministra española de Medio Ambiente, Cristina Narbona, e o ministro do Ambiente do Ordenamento do Territorio e do Desenvolvemento de Portugal, Nunes Correia, o conselleiro galego de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, referiuse á maior autonomía e capacidade de xestión que terán Galiza e o Norte de Portugal con este novo instrumento.
Fernández Antonio destacou que se trata dunha ferramenta importante para o reforzo da capacidade das institucións para poñer en marcha proxectos estratéxicos "e posibilitar novos ámbitos de cooperación". "Hai que maximizar as sinerxias e complementariedades de investimento co obxectivo de impulsar a competitividade do tecido produtivo", propuxo o conselleiro, destacando a importancia de aumentar a "cohesión social e territorial" de Galiza e o norte de Portugal.
O centro de cooperación que foi para Badajoz
Arredor do 60% do comercio transfronteirizo entre os estados español e portugués viaxa a través de Galiza, onde ademais se desenvolveron máis de 100 mil operacións comerciais o ano pasado. Son cifras que lembraba este luns no Congreso a deputada do BNG Olaia Fernández Davila, ao criticar a decisión tomada hai días polo goberno segundo a cal a sede do Secretariado Técnico Conxunto Hispano-Luso vai para Estremadura.
A deputada nacionalista reprochoulle ao executivo que rexeitase a candidatura de Vigo, que á vista da lóxica "económica, comercial e socio-cultural" sería a cidade máis axeitada para acoller este organismo. Davila lembrou que unha das funcións da oficina é tramitar e xestionar os proxectos da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, máis de 600 millóns de euros entre fondos interrexionais e Feder até 2013. O BNG solicitoulle así ao goberno que rectifique a súa decisión.