Unha bronquite impedirá que Marcos Serrano participe na proba en que Óscar Pereiro parte como un dos favoritos.
Ezequiel Mosquera será o líder único do Karpin Galicia na Volta a Castela León que comeza este luns. Mosquera, que foi terceiro na Challenge de Mallorca, tentará nesta xornada inicial perder o menos tempo posíbel para tratar de recuperalo nas dúas últimas tiradas de montaña, sobre todo na penúltima, con final no porto de Navacerrada.
Para a primeira etapa, Álvaro Pino confía nas posibilidades dun especialista nas cronos como é Santos González para loitar polos primeiros postos da clasificación. Segundo o director deportivo do conxunto galego, “a contra reloxo vai ser moi importante, porque os escaladores que perdan un tempo excesivo nela van ter difícil recuperalo logo en Navacerrada. Aínda que tanto esta tirada como a última son duras. Do mesmo xeito os contrarreloxistas que marquen un bo tempo na xornada inaugural tampouco poderán dicir que teñen a volta gañada”.
A formación do Karpin Galicia na Volta a Castela León estará integrada por: Ezequiel Mosquera, Eduard Vorganov, Gustavo Domínguez, Gonzalo Rabuñal, David Abal, Ramón Troncoso, Santos González e Gaizka Lasa, que substitúe a Serrano.
A atención dos afeccionados galegos non estará só centrada na actuación do Karpin Galicia nesta proba. E é que Óscar Pereiro parte como un dos favoritos para acadar o triunfo final xunto co seu compañeiro de equipo Vladimir Karpets, Haimar Zubeldia, do Euskaltel, Íñigo Cuesta e Carlos Sastre, do CSC e Ivan Basso e José Luis Rubiera do Discovery.