Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O xurado valorou o bo nivel dos documentais presentados

Remata o Play-Doc despois de cinco días de proxeccións

The mother's house foi a mellor longametraxe, e A girl named Kai e I want to be a pilot, compartiron o premio á mellor curta.

Redacción - 11:09 26/03/2007
Nos estremos, Joaquín e Lautaro Mateo Morales e no centro, Jorge Pelicano, cos directores do festival, Anxo Sánchez e Sara García

Nos estremos, Joaquín e Lautaro Mateo Morales e no centro, Jorge Pelicano, cos directores do festival, Anxo Sánchez e Sara García

O domingo rematou, despois de cinco días, a terceira edición do festival internacional de documentais Play-Doc de Tui. O xurado, que estivo formado por Goran Radovanovic, Dominique Abel, Ana Isabel Santos Strindberg, Sebastián Talavera Serrano e Pepe Coira, salientou o bo nivel dos documentais que entraron a concurso. Tanto é así, que dous traballos levaron ex-aequo a distinción á mellor curtametraxe.

Na categoría de longametraxe premiouse a The mother's house, de François Verster, pola “sutil mirada coa que observa, até conmovernos, unha historia complexa, inzada de ira, odio e tenrura”. A fita levou 3.000 euros e o trofeo deseñado polo artista tudense Juan Vázquez. Ademais, recibiron cadansúa mención especial An ordinary family, de Fredik Gertten, e Sisters in law, de Kim Longinoto e Florence Ayisi.

A sección galego-portuguesa Atlántico venceuna Aínda há pastores?, de Jorge Pelicano, que levará 2.000 euros, mentres que o premio á mellor curtametraxe levárono ex-aequo I want to be a pilot, de Diego Quemada-Díez, e A girl named Kai, de Kai Ling Xue. Cada unha levará 500 euros e o trofeo.



Ademais, o domingo á tarde entregáronse outros tres galardóns: o premio Foco Galicia do Consorcio Audiovisual a Bs.As, de Alberte Pagán, dotado de 2.000 euros; o Especial TVG a Sisters in law, que será adquirido pola canle autonómica, e o Play Avid Doc aos irmáns Joaquín e Lautaro Mateo Morales, por Historias de la línea azul, que gravaron durante dous días un documental sobre a fronteira e que poderán levar a cabo o seu proxecto.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: