Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Convención Electoral Nacional

Quintana asegura que o BNG “seguirá freando a deriva fascistoide do PP nas municipais”

O portavoz nacional do partido quere alcaldes que non convertan os concellos en “armas de guerra contra o goberno galego” e aposta pola desaparición das deputacións.

Redacción - 09:35 25/03/2007

O Bloque Nacionalista Galego celebrou este sábado no Pazo de Congresos de Santiago a súa Convención Electoral Nacional. Deste xeito, a formación abriu oficialmente a precampaña de cara ás eleccións municipais de maio de 2007.

Diante de 2.000 militantes e simpatizantes, o portavoz nacional Anxo Quintana asegurou que os nacionalistas “están a frear a deriva reaccionaria e fascistoide do PP, e así o seguiremos facendo nestas eleccións”. O vicepresidente da Xunta prometeu no discurso de clausura do acto unha campaña “para o país e para os concellos, centradas nas cuestións que lle interesan á xente”.

Deste xeito, acusou o Partido Popular de “estar na estratosfera, sen conectar cos problemas da sociedade”. Segundo Quintana, “cada fin de semana, convocados por un predicador radiofónico, que é o verdadeiro líder do partido, maniféstanse en defensa da unidade de España”.

Desaparición das deputacións

O nacionalista tamén reflexionou na súa intervención sobre o traballo feito a prol do novo Estatudo. Explicou que recollía cuestión de relevancia para a administración local, como “un novo modelo financeiro para os concellos” ou a reforma do modelo territorial, cunha paulatina desaparición das provincias e das deputacións, que segundo Quintana son “institucións que naceron para implantar o caciquismo neste país”.

Relación do goberno cos concellos

“Necesitamos alcaldes e alcaldesas colaboradores, que non dividan os veciños, que non convertan os concellos nun aparato de guerra contra a Xunta de Galiza”, dixo Quintana ao falar sobre a relación que deben ter os municipios co executivo nacional.

Neste sentido, o portavoz referiuse a algunhas medidas do goberno, como a Lei de Banco de Terras, a proposta do departamento de Industria para recuperar a construción naval civil en Fene ou o proxecto para que entre capital público na xestión dos parques eólicos.

A convención foi retransmitida en directo pola web nacional do BNG, a través de Telebenegá, "de acordo cunha experiencia xa ensaiada durante a XII Asemblea Nacional”, tal e como anunciara María Xosé Bravo, secretaria de Comunicación do partido.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: