Durante cinco días, do mércores 21 ao domingo 25 de marzo, Tui convértese na capital mundial dos documentais.
Anxo Sánchez e Sara García dirixen o Play-Doc
Por terceiro ano consecutivo, na vila fronteiriza veranse curtametraxes e longametraxes de Galiza, Portugal, o Estado e todo o mundo. Como complemento, haberá dous concertos, unha exposición e un foro en que participarán expertos no xénero. Anxo Sánchez co-dirixe, xunto a Sara García, o festival Play-Doc, que cada vez acada máis repercusión e pretende, asemade, promover a produción audiovisual do país.
-O Play-Doc chega á súa terceira edición. Como foi avanzando dende o seu comezo?
-Estamos sorprendidos pola evolución do festival. Sempre quixemos acadar a dimensión dun circuíto internacional, ofrecer unha pequena mostra do mellor do mundo. Dos 130 traballos que se presentaron no primeiro ano pasamos a 513 nesta terceira edición. Estamos a ter repercusión a nivel internacional a nivel de directores e de produtores. Nesta edición temos 27 documentais seleccionados de temáticas diversas e procedentes de todos os continentes e tamén producións galegas. Queremos mostrar o xénero de todo o mundo e mais o que se fai en Galiza.
-Hai algunha relación entre as obras que se proxectan este ano?
-O único fío condutor é que son documentais de autor, que amosan a subxectividade de quen os fai. Non exhibimos nin documentais de natureza nin reportaxes de televisión. Agora estamos nun momento de creatividade brutal. Hai poucos espazos de exhibición e queremos cubrir ese oco.
-Nesta edición tamén hai un concurso, o Play-Avid.doc.
-Co premio queremos axudar aos novos creadores galegos. Hai moita xente nova con boas ideas. Xa o ano pasado se fixo un documental, Fronteiras, como resultado do concurso-taller Xprésate, e que se estrea nesta edición. Este ano buscabamos facer realidade outra desas ideas, e seleccionamos cinco proxectos dos que se presentaron. Facémoslles unha proba: saen ás rúas para gravar sobre un tema que descoñecen até o momento. Durante dous días gravan e logo teñen o venres para montar. É unha parte máis da valoración que facemos para seleccionar o equipo gañador. Temos cinco grandes ideas e tentamos que polo menos unha delas saia adiante e se converta nun documental.
-Tamén teñen unha exposición de Ron English.
-É un dos autores máis subversivos. Ron English piratea e subvirte o significado de valados publicitarios nos EUA, e agora creou unha exposición exclusiva para o Play-Doc. Deixou cinco valados ao longo de Tui e ademais proxectarase o documental sobre a súa obra Popaganda: arte e crimes de Ron English. Tamén temos actuacións musicais. Veremos Sevdah: a ponte que sobreviviu, que fala das vicisitudes que ten pasado a cidade de Mostar despois da guerra de Bosnia. A Mostar Sevdah Reunion Band, protagonista do filme, dará un concerto o sábado na sala Metropol. A maiores, contamos con importantes personaxes do audiovisual, entre eles un dos creadores da cadea Arte, Jacques Laurent, e a xefa do programa europeo Euromed, Catherine Buresi. Convidamos a organizacións e empresas para que entren en contacto cos creadores galegos. Teremos dúas sesións para que poidan asistir e coñecer tendencias no foro O documental, a TV, o cine e todo o que vén.
-E, como dicía, tamén teñen programados concertos.
-Si, tamén teremos a música en vivo dun dos documentais da sección Atlántico, Um pouco mais pequeno do que Indiana. A súa banda sonora, creada por Dead Combo, levou o premio ao mellor disco do 2006 do xornal Público. O venres terán a oportunidade de velos tocar en directo e de gozar da súa música.
-Cales son as expectativas para este ano?
-Estamos cos dedos cruzados. Pensamos manter o aforo do ano pasado, duns 6.000 espectadores, que foi sorprendente para nós. Esperamos que a xente goce da selección dos mellores documentais do mundo, dos concertos e da exposición dun artista que está por primeira vez en España. Estamos moi ilusionados.