A directiva celeste quere espantar a mala fortuna que persigue ao equipo nos seus encontros en Balaídos.
O Celta de Vigo é de lonxe o peor equipo da primeira división no seu propio terreo de xogo. No que vai de tempada só gañou un dos trece partidos disputados en Balaídos. Un pobre rexistro co que a directiva quere rematar, sexa do xeito que sexa.
Así, desde esta semana os abonados que o desexen poden deixar en deposito nas oficinas do club os seus amuletos co obxectivo de cortar a mala traxectoria no próximo encontro de liga ante o Real Madrid. “Allos, auga bendita, unha pata de coello, o coello enteiro..” piden desde a web do conxunto vigués.
Entre os depositarios sortearase un viaxe co equipo no seu desprazamento a Huelva para a seguinte xornada.
Creación da Celtipedia
Outra iniciativa curiosa relacionada co club celeste é a creación da Celtipedia, unha enciclopedia online dedicada ao Celta de Vigo. Trátase dun proxecto que nace desde unha das webs non oficiais do conxunto máis seguidas, Celestes.org.
A Celtipedia está realizada con tecnoloxía wiki, polo que calquera pode modificar e mellorar os artigos e crear outros novos.