Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A relixión e a guerra alimentan esta tradición

Aínda hai escravos no mundo

A escravitude segue sen se erradicar nos comezos do século XXI: en Darfur e Mauritania continúa sendo unha práctica habitual, herdeira das guerras e as invasións, que se perpetúa durante xeracións. Mais están a xurdir campañas e movementos para rematar con ela.

Redacción - 12:13 21/03/2007

Calcúlase que unhas 11.000 persoas foron escravas en Darfur durante a guerra civil (1983-2005). As milicias árabes Murahaleen arrasaron as vilas do sur, e unha das zonas máis afectadas foi Bahr al-Ghazal, ao sur da fronteira co norte Árabe e non lonxe de Darfur sur. O veterano activista anti-escravitude James Aguer, dos Dinka que poboan esta zona, afirma que as milicias murahaleen e as hanhaweed levaron adiante a mesma práctica. Negan a existencia de escravos no Sudán, e chámanos eufemisticamente “abducidos”: corenta mulleres e nenas foron “abducidas” durante dous anos da súa vila, Wadi Saleh, por un grupo hanhaweed. Hai testemuños que afirman que persoas do sur foron “abducidas” durante o conflito e pasaron anos na escravitude no norte antes de poderen volver ás súas casas co tratado de paz.

Unha das razóns para a permanencia desta práctica é a relixión: Darfur e o Sur de Sudán están habitados sobre todo por poboación africana negra, pero, mentres que no sur son maioritariamente cristiáns e animistas, en Darfur a relixión dominante é a musulmá. A conversión forzosa ou a escravitude foron as alternativas para os habitantes do Sur.

Necesidade de lexislación punitiva en Mauritania

Tamén quedan escravos en Mauritania, como informa Reuters. Neste estado islámico do Sáhara aínda persiste esta práctica: as persoas escravizadas son propiedade dos donos, do mesmo xeito que os animais, e pasan, como unha herdanza máis, de xeración en xeración. Boubacar Messaoud lidera unha campaña anti-escravitude: afirma que existe un decreto de 1981 que a ilegaliza, mais queda en papel mollado fronte ás prácticas comúns de traballo non remunerado, castigos, abusos e agresións sexuais. “Non existe na práctica: o que fai é compensar aos señores, pero o Estado nunca perseguiu a ninguén. É necesaria unha lei que criminalice a escravitude", di Messaoud Ould Boulkheir, descendente de escravos.

Algúns membros da elite branca, que tradicionalmente gobernou o país, negan esta persistencia da escravitude. Mais os activistas sinalan que as relacións entre escravos e donos permanecen na conciencia colectiva mauritana como a conciencia de clase en Europa. “Hai escravitude no noso país, en toda a sociedade, e cómpren leis para eliminala", di Messaoud. Nas chabolas de Nouakchott a maioría dos habitantes teñen algo que contar sobre a escravitude. Para Abdarahman Ould Mohamed Abd (cuxo propio apelido significa “fillo do escravo Mohamed), "no interior do país é o peor. Velo por como tratan á xente: os señores mesmo teñen matado nenos. Xa vén de moi atrás, pero ten que rematar”.

Grupos como SOS-Sclaves, dirixido por Messaoud, loitan contra o medo e a vergoña que dificultan que estas situacións sexan denunciadas. Advirten que é imposíbel cuantificar a xente escravizada en Mauritania, cunha poboación de tres millóns de persoas e unha enorme mestizaxe étnica. A escravitude existe dende o século VII, cando a presión da invasión árabe desprazou aos poboadores á África subsahariana. O Islam propugnaba a escravización dos non crentes, e isto rematou por se converter nun tratado trans-sahariano de captura e escravización. As castas bérberes dominan hoxe a sociedade mauritana.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Darfur
Darfur
James Aguer loita pola erradicación da escravitude en Sudán
James Aguer loita pola erradicación da escravitude en Sudán
Mauritania
Mauritania