Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pola desaparición de tres persoas italianas

Cadea perpetua para cinco oficiais da ditadura arxentina

Jorge Eduardo 'O Tigre' Acosta, Alfredo Ignacio Astiz, Jorge Raúl Vildoza, Antonio Vañek e Héctor Antonio Fabrés foron oficiais das Forzas Armadas arxentinas dende o 76 ao 83, durante a ditadura. A xustiza italiana acaba de ditar sentenza pola desaparición de tres cidadáns italianos a mans da represión.

Redacción - 10:54 19/03/2007
Ángela María Aieta, Nai da Praza de Maio desaparecida no 76

Ángela María Aieta, Nai da Praza de Maio desaparecida no 76

Os cinco oficiais estaban acusados da desaparición, nos dous primeiros anos da ditadura, dos italianos Angela María Aietta Gullo, Giovanni Pecoraro e a súa filla Susana, de 30 anos e embarazada no momento da desaparición. Foran detidos e torturados na Escola Mecánica da Armada. O Tribunal Penal de primeira instancia de Roma condenounos, en ausencia, a un ano de illamento, e previu un resarcimento de danos de 100.000 euros para cada unha das partes civís. Ao coñecer a sentenza, Juan Carlos Dante Gullo, fillo de Angela María Aietta Gullo, sinalou que o fallo "reafirma o compromiso de Nunca Más contra o terrorismo de Estado". A súa nai participara na creación de Nais de Praza de Maio. "Estivo na ESMA nunha sala de torturas que se chamaba 'Capucha'. Alí identificárona porque era a única á que chamaban polo seu nome, María, e non por un número". En tanto, as Nais de Praza de Maio expresaron nun comunicado a súa "profunda satisfacción" pola condena emitida polo tribunal romano.

O fiscal Franceso Caporale pedira o pasado febreiro a condena a cadea perpetua para catro deles, pero non para Vañek, para quen pediu a absolución por falta de probas, que foi finalmente desestimada polo xuíz. No caso tamén está procesado o ex almirante Emilio Massera, aínda que un psiquiatra enviado a Bos Aires pola Xustiza italiana confirmou o pasado día 6, a súa "débil saúde mental", polo cal non será xulgado.

O avogado que representa á provincia de Cosenza (de onde era orixinaria Angela María), Ernesto Magorno, dixo que se trata de "unha sentenza histórica, que fai xustiza a italianos e arxentinos que durante eses anos loitaron e morreron pola democracia". O chamado 'Proceso de Reorganización Nacional' que comezou co golpe de Estado o 24 de marzo de 1976 deu comezo a sete anos de torturas, represión ideolóxica, desaparicións e secuestros. Ao mandato dos militares Videla, Massera e Agosti seguiulles, dende o 81, o de Roberto Viola (80-81), Leopoldo Galtieri (81-82) e Cristino Nicolaides (82-83).


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: