A consellaría pretende “xeneralizar” o acceso a internet neste Lugar de Interese Comunitario.
As serras dos Ancares e do Courel disporán de conexión sen fíos a internet. Así o anunciou este sábado o director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López, xunto co de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, Xosé Carballido, na presentación de resultados do plan de desenvolvemento da zona na localidade luguesa de Navia de Suarna.
O sinal chegará a estas zonas grazas á tecnoloxía WiMAX, un estándar de transmisión sen fíos de datos que proporciona conexión en áreas de até 48 quilómetros de radio e a velocidade de até 70 Mbps. Trátase dunha tecnoloxía que non require de visión directa coas estacións base.
Segundo Carballido, o proxecto tecnolóxico constitúe unha iniciativa “ambiciosa” e asegurou que ao longo deste 2007 se prevén resultados “palpábeis” pola implantación desta infraestrutura. Destacou ademais que se realizarán cursos de familiarización co manexo da informática, o teletraballo ou o comercio electrónico.
O plan tecnolóxico da consellaría para estas zonas tamén inclúe a creación dun proxecto piloto de detección remota de incendios e outro de vixilancia ambiental, así como a xeneralización dos puntos de información e de conexión á Rede ao longo do camiño de Santiago. Co obxectivo de fixar a poboación desta zona, tamén se recolle a necesidade de aplicar estas novas tecnoloxías nos centros educativos da área como recurso de aprendizaxe, así como na relación entre as pequenas e medianas empresas e os traballadores do Lugar de Interese Comunitario.