Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Convocados polos concellos de Vigo e Carballo

Dáse o I Premio de Relatos Mulleres Progresistas e coñécense os finalistas para a Irmandade do Libro

Con 'Mans coma nubes', Rosa María Llorente Suárez obtivo o premio convocado pola Concellaría da Muller viguesa. O segundo foi para 'O soño do peneque', de Pilar Ortega Pereiro, e o terceiro quedou deserto.

Redacción - 11:41 16/03/2007
'Os libros arden mal', de Manuel Rivas, candidato a un dos premios

'Os libros arden mal', de Manuel Rivas, candidato a un dos premios

Ademais, na tarde deste xoves 15 de marzo foron presentados en Carballo os actos para a entrega dos XV Premios Irmandade do Libro, da Federación de Libreiros de Galicia, que terán lugar o vindeiro 23 de marzo. Optan a conseguilo, na categoría de centros de ensino, os CEIP Marcos da Portela, de Monteporreiro (Pontevedra), Castrelo, de Cambados, e San Martiño, de Igrexa (Salcedo, Pontevedra). O premio ao libro do ano pode ser para os tres grandes best sellers (os tres con contido histórico), Home sen nome, de Suso de Toro, Os libros arden mal, de Manolo Rivas, ou Pepa a Loba, de Carlos Reigosa. En canto á obra editorial do ano, poden ser premiadas a Diciopedia, un impresionante proxecto común de Ediciós do Castro, Galaxia e Edicións do Cumio que reúne en tres volumes máis de 80.000 entradas, con topónimos, biografías, mapas e fotos a toda cor; O feísmo, unha recopilación fotográfica editada por Difusora das Letras, Artes e Ideas, ou a Colección Rescate, da Editorial Alvarellos, que recupera textos inéditos ou esquecidos.

Tamén poden ser premiadas as institucións (a Fundación Alexandre Bóveda, o Centro de Investigación de Humanidades Ramón Piñeiro, ou a Biblioteca Municipal de Cambre), medios de comunicación (Faro das Letras, suplemento do 'Faro de Vigo', o programa A casa do vagabundo, da Radio Galega ou a Biblioteca Virtual (BIVIR), da Asociación de Tradutores/as Galegos/as) e librarías (Ler, de Santa Comba, Andel do Libro Galego e Portugués, de Vigo, Libraría Nós, da Coruña, ou Libraría Torga, de Ourense). O autor ou autora do ano darase a coñecer o mesmo día 23 de marzo.

O obxectivo destes premios, que naceron en 1991, é recoñecer o traballo de promoción e divulgación do libro e da lectura en galego, desenvolvidos por persoas, entidades e institucións da sociedade galega. Na pasada edición, en 2006, foron premiados o CEIP Riomaior, de Vilaboa; o xornal Galicia Hoxe; a autora Teresa Moure; a Nova enciclopedia da Bioética; a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) e a Libraría Gráficas Santiago, de Ribadeo.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: