Wang Xiaoning cumpre condena de dez anos en China polos seus escritos en favor da democracia no país. Súa muller inicia unha loita legal contra Yahoo por axudar a que o descubrisen.
"Yahoo traizoou a meu marido e quitoulle a liberdade", cóntalle Iu Ling, esposa de Wang Xiaoning, á revista estadounidense Wired. A muller opina que "Yahoo debe aprender a lección" e por iso ten previsto iniciar unha loita legal contra a empresa. Nese desafío conta entre outros coa axuda do colectivo China Information Center, organización formada por chineses no exilio que loita a prol do avance dos dereitos humanos en China.
Independentemente do éxito que poida ter ou non o preito de Iu Ling, o obxectivo fundamental é chamar a atención sobre situacións como as de seu home, preso por expresar ideas prohibidas polo goberno. Wang Xiaoning escribía un boletín sobre política que lle enviaba a un grupo de internautas subscritos igual ca el a un servizo gratuíto de Yahoo. O xuízo considerou que as súas ideas "incitaban á subversión", polo que estabeleceu unha condena de dez anos no cárcere.
Queixas das asociacións en defensa dos dereitos humanos
O elevado potencial de negocio do mercado chinés causou nos últimos tempos que algúns dos máis importantes xigantes da industria informática consentisen coas esixencias chinesas en materia de control de usuarios e contidos.
Así por exemplo, para non perder cota no mercado asiático, onde buscadores coma o local Baidu demostraron ser especialmente exitosos, Google foi exemplo recente de empresa que consentiu coa censura chinesa. Deste xeito, Google China recoñeceu que os seus servizos de correo electrónico e creación de bitácoras non serían accesíbeis até que desenvolvese mecanismos de control máis estritos. Na mesma liña, garantíronlle ao goberno a posibilidade de facer peneira de contidos e a eliminación de resultados nas buscas realizadas polos chineses.