O Concello de Vigo vai lanzar un sistema para que os cativos que estean enfermos moito tempo reciban formación en liña.
As clases impartiranse a través dunha nova plataforma de telensino especializado, que o municipio aínda está a desenvolver. Agárdase que poida comezar a funcionar o próximo curso.
O concello indica que os rapaces, entre seis e dezaseis anos, comunicaranse cos mestres a través da rede e dos ordenadores. Na plataforma tamén poderán facer os deberes ou preguntar as dúbidas nun chat. Ademais, as clases poderanse seguir por videoconferencia, e as anotacións dos profesores estarán dispoñíbeis nun encerado virtual.
O sistema forma parte do programa “Vigo Dixital”, no que colaboran o Concello de Vigo, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Industria, e a Unión Europea a través dos fondos FEDER de desenvolvemento rexional. O programa “Vigo Dixital” ten un orzamento de case 700.000 euros, segundo o Concello.