Alvarellos Editora edita Teoría de Galicia. Obra xornalística en Vida Gallega, 1926-1963, sexto volume da colección Rescate, no que se recompilan 72 artigos de todo tipo de temáticas.
Portada do libro
A obra, de 400 páxinas, abrangue prosas líricas, relatos de ficción, crónicas e ensaios en galego e en castelán. No seu conxunto, permite apreciar a capacidade intelectual e a prosa de Ramón Otero Pedrayo. O profesor ourensán Marcos Valcárcel, autor do estudo introdutorio do libro, distingue entre os artigos publicados até 1930, nos que predomina a temática galeguista, e os dos anos 1954 a 1963, nos que se reduce a carga ideolóxica, aínda mantendo a temática oteriana.
En Teoría de Galicia recóllense fotografías da época e reprodúcense varios manuscritos inéditos de Otero Pedrayo que amosan a auténtica natureza da prosa do autor. Alvarellos Editora saca o libro á venda o mércores 14.