Os músicos tradicionais propoñen un prezo mínimo de 250 euros que evite as "contratacións á baixa" nas festas de verán.
Grupo de gaiteiros nas festas de Boiro / Foto: Luís Miguel Bugallo
Os gaiteiros arousáns propoñen estabelecer un prezo mínimo de 250 euros por actuación. Deste xeito, pretenden evitar que se sigan a facer contratacións á baixa. Até agora, os grupos de gaitas eran os derradeiros en seren contratados para as festas, despois das orquestras, as bandas de música, as charangas e a pirotecnia.
Consideran que son tratados como grupos de segunda, pois moitas veces o seu nome nin sequera chega a aparecer nos carteis. Tamén reclaman máis medidas de seguridade nas súas actuacións e que as comisións contraten un seguro de responsabilidade civil para cubrir os posíbeis accidentes.
Na reunión que se vai desenvolver o mércores ás oito e media do serán en Vilagarcía, os grupos de gaitas pretenden facer unha fronte común por riba de rivalidades artísticas. Estarán presentes formacións de toda a comarca do Salnés e mais de Boiro e Dodro, ao outro lado da ría de Arousa.