A Xunta non executa unha resolución ditada en 2000 por ela mesma e que obriga a demoler a casa de Carme Gallego e outras 80 vivendas por invadir a costa. Proximamente debe pronunciarse ante a Xustiza.
O chalé de Gallego é ilegal pois está a 72 metros da costa de Vilaboa, segundo denuncia un comunicado da asociación “Salvemos Pontevedra” e un informe de Greenpeace. Grazas o silencio administrativo, a multa que lle fora imposta prescribiu. Para que a Xustiza obrigue á Xunta a executar derrubo, “Salvemos Pontevedra” levou o caso ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Nas próximas datas o Goberno galego ten que pronunciarse ante o xuíz sobre este expediente.
O presidente da asociación “Salvemos Pontevedra”, Francisco Díaz, explica que “a obriga de derrubar a casa non prescribe, como prescribiu a sanción económica tras catro anos de silencio administrativo”. Segundo Díaz, a casa da Conselleira debe ser derrubada como di unha resolución da Xunta do 5 de xuño de 2000. Un mes despois, Gallego e o seu home recorreron esta resolución e dende aquela -hai seis anos e medio- a Xunta garda silencio, segundo explica Salvemos Pontevedra nun comunicado.
Catro anos de goberno popular co expediente parado
Fontes oficiais da Consellería de Pesca negan que a casa sexa ilegal e argumentan que non se trata dun caso exclusivo do chalé da conselleira, senón que outras oitenta casas atópanse nunha situación similar na mesma zona. Salvemos Pontevedra recoñece esta circunstancia pero argumenta que denunciou a Carmen Gallego porque, entre outras, razóns “nós loitamos contra os abusos de poder”.
Dende Pesca sinálase que a casa ten licenza do concello de Vilaboa. Porén, este permiso estaba condicionado ao de Costas, autorización que non logrou, segundo explicou Díaz a Vieiros. Dende Pesca arguméntase que Gallego comezou a construír a casa en 1994, cando non era nin conselleira nin voceira de pesca do PSdG.
A execución do derrubo estivo na mans do goberno do PP durante catro anos, nos que puido rexeitar o recurso. Cabe lembrar que na última lexislatura popular, a actual conselleira era a portavoz parlamentaria socialista de pesca.
Greenpeace sinalou o caso
Tamén Greenpeace denunciou este verán que o chalet está “dentro da servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre”. Así figuraba nun apartado do seu informe “Destrución a Toda Costa”, dentro dun apartado titulado “Quen dixo prevaricación?”.
Dáse a circunstancia que, no intre de tomar posesión, a conselleira de Pesca era a máxima responsábel do urbanismo costeiro e, polo tanto, do futuro do seu chalé. Posteriormente, a Xunta transferiu estas competencias dende Pesca a Política Territorial, consellearía que se debe pronunciar agora no xulgado.
Carta alertando a Touriño e Quintana
Sobre o traspaso de competencias de Pesca a Política Territorial, “Salvemos Pontevedra” argumenta que non era a solución. É máis, a Asociación fixo pública unha carta enviada a Touriño e Quintana na que se alertaba desta situación, no intre de formar o actual goberno.
O presidente desta asociación -que ten denunciado varias actuacións urbanísticas na costa- entende que “Carmen Gallego segue sendo unha infratora e como tal non se pode tolerar que sexa parte do Goberno”. De non executarse a demolición do chalé -situado no lugar de Riomaior- , Díaz considera que se produciría unha “quebra da democracia”.
Vieiros tentou recoller a versión da Consellería de Política Territorial, responsábel do expediente neste intre, pero polo de agora este organismo non fixo declaracións.