Vivenda escoitou as denuncias de 49 propietarios e propón unha sanción administrativa a Vigolar por un importe de 3,6 millóns de euros.
PAU de Navia en Vigo / Foto: paunavia.net
A consellaría considera que a construtora viguesa incumpriu a Lei de Vivenda do ano 2003 e por iso realizou a proposta de sanción. De prosperar, Vigolar tería a obriga de devolver os propietarios dos pisos as cantidades cobradas por enriba do prezo oficial dos pisos, en total 1,8 millóns de euros. Ademais tería que pagar outro tanto en concepto de multa.
Ao mesmo tempo, o departamento dirixido por Teresa Táboas está a valorar a inhabilitación da empresa para construír pisos protexidos durante os próximos seis anos. Segundo os propietarios, a construtora esixía un sobreprezo polos pisos protexidos dun dos edificios incluídos na nova urbanización do barrio de Navia.
A consellaría informou que o promotor obrigaba os compradores a realizar unhas "obras de mellora" así como a mercar unha segunda praza de garaxe, deste xeito, o prezo final superaba con creces o máximo permito para a venda deste tipo de vivendas.
Trátase da primeira sanción por irregularidades nos prezos aplicada a unha inmobiliaria galega, así como a maior multa da Xunta no referido á vivenda.
“Até que non vexa os cartos na conta non o creo”
Desde a web veciñal paudenavia.net, referencia na rede para os veciños deste novo barrio, celebran a decisión de vivenda, malia que aseguran que “aínda queda moita liga por xogar”.
O caso de Teresa Pérez e a súa familia é un dos máis rechamantes. O prezo do piso foi de 153.000 euros, 24.000 máis dos estipulados oficialmente. Segundo a veciña, “Vigolar obrigounos a asinar un contrato privado polo que tíñamos que aboar esa diferenza e, a cambia, a promotora comprometíase a instalar a cociña, armarios novos e persianas”.
A propietaria, que di que “até que non vexa os cartos na conta non o creo”, cre que deste xeito Vigolar podía xustificar ante a Xunta o desembolso realizado a maiores.