Os fortes ventos impediron a disputa da tirada deste xoves na Volta a Murcia. Segundo Marcos Serrano, a principal baza do Karpin Galicia na proba, “perdín un bo día de probas pero queda a contrarreloxo".
Marcos Serrano na primeira tirada da Volta a Murcia
Os ventos afuracanados motivaron a suspensión da segunda tirada da Volta a Murcia, que se ía disputar entre as localidades de Totana e Fortuna. A organización valorou disputar os últimos sesenta quilómetros a partir das tres da tarde pero finalmente, e coas previsións na man, decidiuse que os corredores só fixeran un paseo por Fortuna para saudar os afeccionados que agardaban na liña de meta.
O líder do Karpin Galicia nesta proba, Marcos Serrano, lamentou a suspensión aínda que recoñeceu que o risco era grande: “Os efectos do vento advertíanse por todas partes”. Por iso, “completamos a xornada cunha sesión de rodillos para suar”.
O de Chapela, a máis de cinco minutos do líder da xeral, sinalou que a segunda tirada sería boa para comprobar mellor “o meu estado de forma, porque as que restan, a excepción da contrarreoloxo, son de corte similar ás da Volta a Andalucía, con portos de terceira, propicias para o control dos equipos dos esprinters, polo que posibelmente non permitan sacar moitas conclusións”.
Malia que recoñece que non loitará polo triunfo final, Serrano ve na contrarreloxo unha boa oportunidade para tomar “referencias para próximas competicións”, en referencia á Volta ao País Vasco, un dos seus principais obxectivos da tempada.