Case imposíbel queda a eliminatoria para un Celta que perdeu pola mínima ante o potente Werder Bremen. Un gol de Almeida a tres minutos do final condenou os de Vázquez nun dos mellores encontros da tempada.
Os cuartos da Uefa pasan por dar a sorpresa en Bremen. Tal vez, vendo o lado positivo da derrota deste xoves, parece que agora o Celta viaxará a Alemaña sen nada que perder e coa opción de desintoxicarse da crise da Liga.
O encontro comezou con claras ocasións para os xermanos sobre a meta defendida por Esteban. Tamas e Pablo García, que formaron o dobre pivote ante a ausencia por lesión de Oubiña e Iriney, cumpriron con nota e axudaron a asentar a defensa celeste, moi dubitativa durante os primeiros minutos.
Foi neses intres cando o Bremen levou máis perigo, sobre todo nunha lanzamento que Hunt mandou ao poste. Porén, un activo Núñez en punta e as combinacións entre Canobbio e Gustavo foron levando as ocasións até a meta de Wiese. Aínda así, co cero a cero chegábase ao descanso.
A afección esqueceu nos segundos corenta e cinco minutos as súas diferencias en torno a Vázquez e animaron sen fisuras a un Celta que turrou con insistencia na procura do seu gol.
Coa bancada entregada, Gustavo López creou varias ocasións pola banda esquerda que non atoparon rematador. Foi entón cando o Celta comezou a dar por bo o empate, e así, a falta de tres minutos para o final, un balón colgado era rematado por Hugo Almeida, en fóra de xogo, anotando o definitivo 0-1.
O dianteiro do Werder aínda puido ampliar a vantaxe no desconto, pero Esteban impediuno, o que permite pensar no que sería unha histórica remontada o próximo mércores en Bremen.