Luís Tosar e Piti Sanz presentan oficialmente o seu novo grupo, The Ellas, o mércores á noite na Fábrica de Chocolate Club de Vigo. A banda, composta tamén por Iván Laxe, Suso Alonso e Ro Muñoz, revisa grandes éxitos do rock e do power pop interpretados por cantantes femininas adaptados á voz de Tosar.
Katia Guerreiro
The Ellas terán como abreconcertos, a partir das dez e media, a Elodio y los seres queridos. En Compostela, o ferrolán Andrés Suárez continúa a súa xira polo país no Trapitos y Joyas, ás dez e media. Máis cedo, ás oito e media, Katia Guerreiro actúa no teatro Jofre de Ferrol. A cantante de fados, nada en Sudáfrica e criada nos Azores, presentará temas do seu último disco, Tudo ou nada. O xoves, á mesma hora, actuará no Círculo das Artes de Lugo.
Dentro da Rede Galega de Música ao Vivo, o mércores haberá dúas actuacións: a do cantautor Xoán Curiel, ás once menos cuarto na Borriquita de Belém, en Compostela. Un cuarto de hora despois, no Ensanche, en Vigo, actúa o grupo de rock Sugar Mountain.
Xoves 8 de marzo
A noite do xoves, a oferta multiplícase. Dous dos seis concertos da rede da Consellería de Cultura vanse desenvolver en Vigo: en La Casa de Arriba Pop estará ás dez Detour, e na Fábrica de Chocolate, ás dez e media, o folk-rock-funk ourensán de Ergom. A esa mesma hora está previsto que comecen os concertos de Ragdog, na sala Ache de Marín, e de Guezos, no Forum Celticum de Culleredo.
Ás once, o grupo compostelán, aínda que con compoñentes internacionais, Coda tocará no pub D'Antón, da Laracha e, media hora máis tarde, a banda Anger estará no café teatro Xesteira de Ourense.
O grupo barcelonés Tokyo Sex Destruction abre a súa xira por Galiza na Coruña. Estarán na Mardi Gras ás dez e media. En Lugo haberá tres concertos. Ademais do de Katia Guerreiro no Círculo nas Artes, poderase asistir á actuación de Luís Moro & Tribeca's Band no pub Clavicémbalo, ás once, e á de Tachenko no pub Babel ás once e media.
En Compostela, a noite do xoves a sala Nasa presenta un concerto espacial con tres grupos de Ordes: o rock de Kastomä, a psicodelia caníbal do Chícharo Sicótico e as versións dos Sonics que fan Os Gin-Tonics soarán a partir das dez. Ás oito e media, no centro sociocultural do Ensanche, comeza o ciclo Revelando voces co cantautor de orixe arxentina Diego Massimini.