Un estadounidense demandou a empresa informática Microsoft porque o navegador que empregaba, Internet Explorer, non borrou información sobre as páxinas web pornográficas que visitaba, e que logo obtivo o FBI.
Web de Microsoft
O home fora arrestado por posesión de armas, polo que a oficina dedicada ao control do alcohol, tabaco e armas de fogo lle confiscou o ordenador. O acusado tiña instaladas varias ferramentas de cifrado de datos, así que os funcionarios non puideron acceder ao contido. Pasáronlle o computador ao FBI, que conseguiu ler os datos do disco duro, que incluían vídeos sexuais do acusado e da súa parella e probas de que visitaba páxinas pornográficas.
O home amosouse moi avergoñado polo feito de que se fixesen públicas as súas afeccións, e máis despois de ter configurado o Internet Explorer para que borrase o historial de páxinas visitadas cada cinco días. Así que decidiu demandar a Microsoft, polo que considera un fallo do seu navegador.