Xoán Xosé Rocha, o actual rexedor do concello coruñés de Abegondo, irá ás próximas eleccións municipais á fronte dunha lista independente. Rocha toma esta decisión despois de que a dirección do PPdeG avalase a volta de Xosé Antón Santiso Miramontes á candidatura do partido.
O alcalde de Abegondo manifestara en reiteradas ocasións que non vía ningunha razón para non poder seguir optando liderar o PPdeG local nos vindeiros comicios locais. Xoán Xosé Rocha accedera ao cargo en setembro de 2004 cando o daquela alcalde, Xosé Antón Santiso Miramontes, decidira renunciar ao posto para poñerse á fronte da Consellaría de Política Agroalimentaria.
Rocha conta xa co apoio explícito de seis dos nove concelleiros populares, que se integrarán na súa candidatura para as próximas eleccións en denuncia pola "imposición" da dirección do partido. De paso que confirmaba o seu desafío, pedíalle contas a Santiso Miramontes pola xestión urbanística na vila no tempo que exerceu de alcalde. "Non hai que esquecer que Santiso fuxiu cara ao cargo de conselleiro deixándolle aos compañeiros os asuntos que el fora incapaz de xestionar mentres estivo á fronte da alcaldía", criticou o actual rexedor.
Santiso Miramontes xustificou a súa teima en volver á cadeira municipal en Abegondo nas "tres maiorías absolutas" conseguidas no seu tempo, subliñando que el foi "o último alcalde escollido nas urnas polos veciños". Ao tempo, revelou que lle ofrecera a Rocha o posto número dous da candidatura.