Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A súa versión das "crónicas sobre as singraduras criminais" da plataforma

Burla Negra ironiza sobre as acusacións do ABC de lucrarse coa chegada do bipartito

A plataforma Burla Negra, movemento cultural creado por mor do desastre do Prestige, acaba de responder aos artigos do xornalista do ABC José Luis Jiménez nos que asegura que os seus compoñentes están a beneficiarse de importantes contratos logo da chegada do bipartito. Segundo o xornal estatal, "os artistas do ‘Nunca Máis’ son os máis beneficiados polo programa cultural (da Xunta), dotado con 1,5 millóns de euros". Burla Negra responde a estas acusacións cunha ironía literaria no seu artigo ‘A, B, C... responda outra vez!’.

Redacción - 12:00 03/03/2007

Artigo: A, B, C... responda outra vez!
A historia de Benito Soto, sanguinario capitán da Burla Negra, o navío pirata que ameazou o Atlántico Norte no século XIX cobrándose decenas de vítimas e fantásticos botíns, vén de ser obxecto nestas últimas semanas dunha nova versión literaria nas páxinas do ABC por conta dun consagrado escritor de novelas de ficción chamado Jose Luis Jiménez, émulo en provincias de grandes mestres do xénero como Pedro J Ramírez ou o seu homónimo Jiménez Losantos. Axiña, o éxito abraiante das súas crónicas sobre as singraduras criminais da rediviva Burla Negra -navío cultural de bandeira galega tripulado por unha banda de piratas e aventureiros sen escrúpulos que tanto son capaces de derrocar gobernos autonómicos reaccionarios como chulearlle os euros aos gobernos progresistas- ecoóu polas bancadas parlamentares da dereita galega, tan necesitada de boas historias de ficción para estimular as vísceras do seu electorado e tentar ascender da Rexional Preferente á Terceira División da política española.

O poder desta manda insaciábel de piratas, pornógrafos e titiriteiros, que non respecta a propiedade pública como nunca respectou o designio divino de Don Manuel Fraga Iribarne como gobernador de Maracaibo, parece, a ollos da dereita galaica e do seu avezado alguacil, o señor López Chaves, un gran argumento para partirlle a cara nacionalista ao goberno bifacial sen que a ninguén se lle corra a gomina do sitio.

Como parte da tripulación do tal navío, varios excombatentes das guerras antifraguistas, convencidos de que "lo cortés, no quita lo valiente", por dicilo nunha lingua comprensíbel para os gatopardos, queremos felicitar ao autor desta recreación novelística da nosa biografía e honralo cunha breve crítica literaria a xeito de louvanza. Velaí.

Desculpando o seu frívolo manexo dos feitos e os datos, que a licenza poética sempre autoriza a prol do conxunto global da ficción, a novela adoece de certas lagoas pouco desculpábeis nun novelista que se gaba da súa sólida documentación, probablemente facilitada polo propio López Chaves, dado que ambos cometen e perpetran os mesmos erros -é un falar- no manexo de cifras e sintagmas nominais, e ambos os dous empregan a mesma gramática parda para tratar de ruborizar á Conselleira de Cultura coas súas conspicuas insinuacións.

Fala a novela, poñamos por caso, do botín espoliado das arcas públicas pola Burla Negra e outros navíos afíns en pago dos servizos prestados baixo patente de corso a un dos bandos electorais en litixio nas pasadas eleccións, sen que en ningún momento se aclare quen ten o mapa do tesouro e onde é que está enterrado, grave carencia nunha novela de piratas que tal vez se afasta aquí conscientemente das convencións do xénero para explorar o infinito territorio da novela experimental. Tanto os tribunais coma nós mesmos, estaríamos encantados de saber o emprazamento exacto de tan fabuloso tesouro, xa que sendo acusados como somos de forrarnos a conta dos contribuíntes, polo menos gozar a eito do botín, que, coma se di no gremio corsario, xa de mollados ao río. Por desgraza, as contas da flota -como ben sabe Facenda, ata os piratas temos que pagar impostos de circulación marítima- son tan cadradas que a penas dan para embrear o casco pola nosa conta e seguir a flote. E iso que aínda hai chapapote gratis en calquera praia para aforrar uns cartiños. Só que a cousa ultimamente, ou non arde como debería ou fermenta mal, e non se lle pode sacar moito partido. Pena que temos.

A novela evidencia neste sentido un grave problema de verosimilitude, virtude estética que desde Aristóteles é premisa de toda arte literaria merecente de tal nome. Tanto para o autor, o señor Jiménez, como para o seu editor, López Chaves, as tropelías e desmandes da Burla Negra e da súa rede nutricia, Nunca Máis, son os responsábeis directos do desgaste, defenestración e derrocamento do antigo gobernador de Maracaibo, aquel crioulo de Vilalba designado por Deus e polo Rei de España para pór orde nesta colonia ultramarina e salvaxe chamada Galiza ou Galicia, segundo a preferencia, onde os artistas nativos pretenden cobrar polo seu traballo e defender a cultura indíxena. Así que amáis da corrupción e o clientelismo, este peculiar dúo dinámico da literatura de folletín suma aínda o golpismo na interminábel lista de delitos de lesa maxestade á que é acredora a tripulación da Burla Negra. Non é que a nosa vaidade non se senta conmovida por tan épica atribución, pero en honor da verosimilitude, hai que recoñecer que as nosas capacidades neste sentido son máis ben modestas, como mínimo a carón dos setecentos mil votos que mandaron de volta ao vello gobernador para a corte metropolitana a reescribir as súas angostas memorias, outro xénero literario onde os feitos e os datos adoitan sempre saír malparados.

Xa Don Manuel, precisamente, como confesa nun cantiño desas entrañábeis memorias, tivo sempre á tripulación do noso barco por "expertos na peor das propagandas", o que dito por un antigo Ministro de Información non deixa de ser un piropo notábel, así que a nosa inmortalización como figuras senlleiras da piratería galega a carón do propio Benito Soto ou de tantos outros expoliadores da administración autonómica que todos temos na cabeza, só nos pode encher de orgullo e satisfacción.

Valla por tanto este breve artigo, malia as nosas puntualizacións literarias, como sincero agradecemento ao ABC e ao Partido Popular de Galicia pola publicación, edición e difusión desta fantástica novela sobre as nosas andainas criminais, e especialmente ao seu autor, José Luis Jiménez, a quen desexamos un grande éxito nos cenáculos literarios madrileños e un bo contrato, con casa e aparcamento incluídos, a carón no Teatro Español.

Asinado

ASEGA-Burla Negra
(Asociación Solidaria de Excombatentes das Guerras Antifraguistas e Tripulantes da Burla Negra)


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: