Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Organizado pola Asociación Cultural Fuco Buxán

Díaz Pardo foi homenaxeado en Ferrol cun acto político, poético e musical

O intelectual Isaac Díaz Pardo recibiu este venres en Ferrol unha homenaxe organizada pola Asociación Cultural Fuco Buxán. A cita foi o último acto dos realizados durante o último mes pola asociación arredor da figura do galeguista. No Teatro Jofre déronse cita representantes políticos das administracións autonómica, provincial e local, así como persoeiros da cultura galega.

Redacción - 08:15 03/03/2007

A homenaxe comezou, en presenza de Díaz Pardo, coa interpretación a cargo do gaiteiro Vícto Agulló do ‘Himno do Antigo Reino de Galicia’. A continuación proxectouse un vídeo documental sobre a figura do artista.

De seguido comezaron as intervencións da presidenta do comité de empresa da fábrica de Cerámicas de O Castro, Celina Fernández Rouco, os representantes sindicais Carlos Belas Cebreiro (UGT) e Xan María Castro Paz (CCOO), así como do director da CRTVG, Benigno Sánchez García.

Os discursos intercaláronse con recitais poéticos da man de Eva Veiga, Xosé Leira, Rosa Méndez, Laura Landeira e Xosé Viale Moutinho. O grupo Milladoiro foi o protagonista no tramo final do acto, que rematou cunha cea organizada iguallmente polo colectivo Fuco Buxán.

Non quixeron perder a cita persoeiros da política e da cultura galega como o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Antonio González Nieto; o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro; o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda; o presidente da Asociación de Escritores, Cesáreo Sánchez Iglesias; e o primeiro tenente de alcalde de Ferrol, Xoán Fernández.

Coa homenaxe deste venres finalizan os actos que a Asociación Cultural Fuco Buxán organizou arredor da figura de Díaz Pardo. As homenaxes comezaron o pasado día 8 de febreiro coa inauguración dunha exposición antolóxica sobre a figura e a obra do artista no Centro cultural de Carballo Calero de Ferrol.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: