Desta ven non houbo opción. Ezequiel Mosquera disputou a tirada raíña da Volta a Valencia no grupo de destacados pero só puido asinar un 13º posto na chegada á liña de meta. Logo da cuarta xornada, o de Teo é décimo segundo dunha xeral liderada por Alejandro Valverde do Caisse d`Epargne.
Ao remate da tirada Mosquera recoñeceu que agardaba máis da xornada: "Gañar non, pero si pensaba que podía estar no grupo de Valverde. Era a primeira vez que subía ese porto, é duro, pero iso non debe ser escusa, porque non tiven boas sensacións na subida. Marcharon uns metros Valverde e outros catro ou cinco e xa non puiden collelos". O corredor do KG ante a imposibilidade de acadar un podio nesta proba xa advertiu de que "agora hai que pensar en Castela – León".
A nota negativa da xornada tivo como protagonista a Gustavo Domínguez, que quedaba eliminado para a tirada nunha caída a cola de grupo cando o pelotón marchaba por unha autovía. O porriñés xa caera na tirada anterior a cincocentos metros da meta cando estaba a loitar por unha posición no esprín.
Álvaro Pino, director deportivo do KG, asegurou estar satisfeito a medias co desenlace da tirada. "Sabíamos que non era a subida máis favorábel para Ezequiel, pero estivo aí". Segundo o ex ciclista, "foi unha mágoa porque chegou á cima incluso por diante do sétimo, Luís León, pero o do Caisse o sorprendeu chegando por detrás e marchou só, mentres que a Mosquera se lle botou enriba un grupo pequeno de perseguidores".