O vicepresidente executivo da Asociación Brest Metropole Oceane e tenente alcalde do Concello de Brest, Jean-Michel Peron, asistiu este sábado ao Salón Vigo Naútica Internacional que se está a celebrar no Ifevi. Peron, que felicitou a organización do NAU polo seu desenvolvemento, confirmou a presenza de Galiza como convidado de honra na feira francesa".
Máis de 60.000 visitantes participarán na Brest 2008, "unha festa de mariñeiros, de cultura, de artesanía, de gastronomía, que se repite cada catro anos desde 1992 e que en cada edición ten un convidado de honra que este ano é Galiza", confirmou Peron.
O tenente alcalde de Brest destacou que xa houbo varias reunións de traballo coa Consellería de Cultura e Deporte e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e que tamén asistirá ao Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza, que se celebrará en Ferrol en xullo de 2007.
Pola súa parte, o representante da Consellería de Cultura e Deporte, Xosé Antón Fernández Rojo, sinalou que "a Brest levaremos o mellor que temos, que é o noso patrimonio, que o temos que poñer en valor, o noso enorme potencial turístico, a nosa gastronomía, a nosa cultura.... En resumo, o que somos". Será en abril cando se presenten todas as actuacións que se van a levar a cabo con motivo da presenza de Galiza en Brest no ano 2008.
Ao mesmo tempo, o presidente da Federación Galega Pola Cultura Marítima e Fluvial, Fernando Piñeiro, agradeceulle á organización de Brest 2008 o convite e á Consellería de Cultura e Deporte o entusiasmo amosado neste proxecto desde o principio. "Para nós é moi importante, permitiranos levar a Brest o traballo que se está a facer dende hai moitos anos e de forma totalmente altruísta por parte de moitas asociacións para manter vivo o noso patrimonio marítimo".