Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os socios de Goberno analizan de forma oposta a situación actual

Touriño distánciase do plan de Industria para Navantia e o BNG anuncia mobilizacións

As posturas dos socios do goberno galego difiren no que respecta ao plan naval da Consellería de Industria para Navantia-Fene. Mentres que Touriño dá por pechada a porta á posibilidade da construción civil en Astano, o Bloque anuncia mobilizacións sociais para modificar a postura do Executivo do Estado.

Redacción - 18:17 02/03/2007
Touriño valorou a situación do naval, logo da súa xuntanza deste venres con José Montilla

Touriño valorou a situación do naval, logo da súa xuntanza deste venres con José Montilla

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, lamentou este venres que a Unión Europea "pechase a porta definitivamente" á construción civil nos terreos ociosos de Navantia-Fene. Neste sentido, engadiu que era o momento "de promover alternativas de desenvolvemento" para a comarca de Ferrolterra. Porén, o coordinador da Executiva do BNG e senador, Francisco Jorquera, asegurou que o BNG "non dá a batalla por perdida", e que vai realizar o máximo esforzo para tentar modificar a posición que o Executivo central mantén sobre este tema. "Cómpre un grande respaldo social", apuntou.

"Fíxose todo o que se podía facer"
Na conferencia de prensa posterior a súa xuntanza co presidente da Generalitat de Cataluña, José Montilla, Touriño fixo unha análise en clave negativa sobre a situación. O titular do goberno dixo que se "fixo todo o posíbel, todo o que se podía facer" para lograr o permiso de Bruxelas, para ofertas como a presentada por Hijos de J. Barreras. Ademais, admitiu que o resultado da reunión entre o director xeral de Competencia comunitario, Philip Lowe, e o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, "non é unha boa noticia".

No entanto, o mandatario precisou que o seu Gabinete aínda deberá "analizar con calma" a "transmisión" na que Bruxelas "certifica" a súa oposición aos obxectivos da Xunta. Mais admitiu que, a partir das declaracións do director xeral, "enténdese que non hai posibilidades de facer viábel a proposta" para construír buques civís na superficie ociosa de Navantia.

"Dar batalla"
Pola súa banda, o coordinador da Executiva do BNG, Francisco Jorquera, anunciou, tamén este venres, que a formación nacionalista "dará a batalla" para conseguir que o goberno do Estado e a UE aproben o plan da Xunta para a construción naval civil en Navantia-Fene. Ademais, precisou que apoiarán mobilizacións sociais que teñan como finalidade estas reclamacións.

"Hai cada vez máis xente que non entende que haxa 600.000 metros cadrados que estean absolutamente desaproveitados, nin que o estaleiro Barreras teña que ir a Asia a montar proxectos empresariais", subliñou. Por iso, lamentou que o "consenso social" e o "consenso político" acadado por PPdeG, PSdeG e BNG en Galiza non fose avalado en Madrid.

Neste sentido, censurou a actitude dos deputados galegos do PSOE no Congreso dos Deputados, que votaron en contra do plan da Xunta. "Cada un que saque as súas propias conclusións das contradicións que teñen os socialistas aquí e en Madrid", agregou, ao tempo que manifestou que se todos os deputados ou senadores galegos votasen "a favor" de Galiza, "moitas cousas cambiarían" no país.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: